
O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Santiago Roura Gómez, explicou que a Lei de Transparencia e boas prácticas na Administración vai servir para combater casos de usurpación de funcións como o acontecido en Miño, no que concelleiros do BNG recibiron o trato de delegados da Xunta de Galicia no boletín do seu partido.
Santiago Roura compareceu na Comisión Primeira do Parlamento para dar resposta a unha pregunta formulada polo PP sobre a información de que dispón o Goberno sobre a convocatoria de cidadáns nas delegacións provinciais, presuntamente levada a cabo por algúns responsables nacionalistas nos concellos de Nogueira de Ramuín e Miño. O secretario xeral afirmou que o Goberno ten constancia do publicado no boletín do BNG de Miño no que se fala dos concelleiros desta formación como delegados da Xunta.
Ao respecto, Roura Gómez apuntou que tal expresión, publicada entre aspas nun boletín dun partido político, non é susceptible de reflectir unha pretensión usurpadora da función que teñen atribuídas as delegadas e os delegados provinciais das consellerías. O secretario puntualizou que de presentarse verdadeiros supostos de usurpación de funcións o Goberno actuará de inmediato e con contundencia ante este tipo de comportamentos. En palabras de Roura, o Goberno de Galicia considera que ninguén está por riba da lei e menos aqueles que ostentan mandatos políticos, de goberno ou de natureza representativa.
O secretario xeral lembrou que para combater este tipo de actuacións o Goberno aprobou a Lei de Transparencia e boas prácticas na Administración Pública, que nunha segunda fase de implantación aplicarase ás entidades locais. Por último, Roura Gómez aludiu ao Pacto Local como instrumento para garantir unha relación institucional leal e fluída con todos os concellos da Comunidade Autónoma con respecto, confianza e colaboración.
Preparación de altos cargos e persoal de gabinete
Doutra banda, Santiago Roura respondeu tamén a unha pregunta sobre a preparación das persoas dos gabinetes das distintas consellerías. Neste sentido, asegurou que tanto os altos cargos como os asesores e persoal de gabinete do Goberno galego teñen demostrado as máis altas cualificacións que os habilitan para o exercicio das responsabilidades que teñen atribuídas no marco do Goberno. Roura negou que o nomeamento do persoal eventual e dos altos cargos resposte a ningunha outra razón que á busca dos mellor preparados nas distintas áreas, e sinalou que sería suicida colocar nos postos de responsabilidade a persoas que, carentes da preparación adecuada para o seu labor, non contribuíran ao acerto na definición das políticas e na súa xestión posterior.
O secretario xeral indicou que, se ben as consideracións anteriores son en principio aplicables a todos os Gobernos, no caso do actual Executivo téñense dado pasos significativos para facer evidente a aplicación destas consideracións. Así, referiuse á negociación cos sindicatos da modificación da Lei da Función Pública, con contidos entre os que destacan a obriga de facer públicas as tarefas asignadas ao persoal eventual que pertence aos gabinetes e realiza funcións de asesoría, e a publicación dun rexistro de membros que establece non só as retribucións senón a titulación que ese persoal ostenta.
Roura lembrou así mesmo que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza foi a impulsora tamén da Lei de Transparencia, recentemente aprobada por unanimidade no Parlamento, e que fortalece o control cidadán sobre as actividades do Goberno, ao someter ao público coñecemento todos os extremos salientables relacionados coa situación económica dos membros do Goberno, dos altos cargos e tamén do persoal de gabinete. O secretario xeral recordou que esta Consellería foi a primeira en facer o que en breve será unha esixencia legal, informando aos cidadáns das retribucións dos seus altos cargos a través da páxina web institucional da Xunta, onde poden ser consultadas por todas as persoas interesadas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.