Notas de prensa

Vicepresidencia promove un acordo para crear unha cultura de responsabilidade social nas empresas

Anxo Quintana presentou a proposta do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou a proposta do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa, documento que ten como finalidade favorecer a creación dunha cultura de responsabilidade social nas empresas de Galiza. Quintana explicou que o Acordo parte do convencemento de que a día de hoxe o mundo da empresa debe ser máis que produtividade, conta de resultados, balance, beneficios ou débedas. “A empresa no mundo moderno tamén ten unha responsabilidade social, xa que o seu funcionamento ten que servir para vertebrar a sociedade e conseguir a igualdade de oportunidades”, aseverou Anxo Quintana.

O vicepresidente da Xunta explicou que o obxectivo xeral da proposta promovida pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é establecer unha nova dinámica nas relacións laborais para avanzar na instalación da cultura da responsabilidade social na empresa. “Este é un paso fundamental para construír unha sociedade cohesionada e incluínte”, apuntou.

Anxo Quintana recoñeceu que é evidente que na actualidade subsisten disparidades entre os diferentes colectivos sociais no mercado de traballo, “polo que hai que favorecer o desenvolvemento da igualdade de oportunidades en todos os eidos, iso é a responsabilidade social”. Nesta liña, quixo deixar claro que apostar pola responsabilidade social é “un xeito inequívoco” para conseguir máis produtividade e máis competitividade.

Diálogo social

Segundo explicou Anxo Quintana, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar está a implicar nesta iniciativa a organizacións empresariais, representantes sindicais, colexios profesionais, cámaras de comercio e industria, organizacións da sociedade civil e empresas de servizo público. Estes axentes sociais están a recibir a proposta do acordo para que poidan estudala e realizar as súas achegas. Establécese o mes de xullo como período de intercambio, debate e discusión da proposta, co que se busca un amplo consenso social que respalde o Acordo. O obxectivo é que a finais do mes de xullo se poida asinar formalmente o documento.

Na súa intervención Quintana asegurou que “non é casual” a coincidencia da proposta do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa coas distintas iniciativas lexislativas encamiñadas a mellorar a situación laboral en Galiza. Segundo explicou Anxo Quintana, “hai que darlle alma ao corpo lexislativo posto en marcha pola Xunta”, xa que non se acadan obxectivos se non existe unha vontade política, social e individual para facer efectivo ese marco lexislativo.

No tocante á resposta dos sectores implicados neste proceso, Quintana amosou a súa satisfacción polo “positivo” recibimento que está a ter a proposta entre os seus destinatarios. Ademais, lembrou que xa son moitas as empresas que traballan no eido da responsabilidade social, xa que entenden a empresa como un ben social.

Igualdade de oportunidades

No mercado laboral actual subsisten as disparidades entre diferentes colectivos sociais, e son as mulleres, a xente moza e as persoas con discapacidade os grupos máis prexudicados. Esta situación pon de manifesto a necesidade de favorecer unha auténtica estratexia de loita activa contra toda clase de discriminacións.

O Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa promove, no caso do colectivo feminino, un primeiro paso que é o coñecemento e recoñecemento da situación laboral das mulleres, identificando as limitacións existentes no relativo á garantía dos seus dereitos como cidadás. Promóvese a posta en valor da contribución das galegas ao desenvolvemento económico do país, a loita contra o desemprego feminino e a igualdade salarial e profesional en todos os sectores. A finalidade é promover unha cultura empresarial favorable ao desenvolvemento de políticas de conciliación ca vida familiar, persoal e laboral nos centros de traballo.

Asemade, o Acordo incide na necesidade de fomentar prácticas responsables na contratación da mocidade e das persoas con discapacidade. Búscase así impulsar o concepto da mocidade como motor do mercado laboral, impulsando a súa implicación e participación en condicións de igualdade de oportunidades; promover e estimular a presenza e participación das persoas con discapacidade no eido laboral, que debe converterse nun novo escenario de oportunidades para unha integración social completa; e favorecer un contorno que estimule a aprendizaxe continua, garantindo o acceso do persoal aos recursos de formación e asesoramento como elementos determinantes para mellorar as condicións de acceso ao emprego, á estabilidade laboral e ás posibilidades de promoción.

O Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa está baseado nunha estratexia global que busca implicar a empresas, ao seu persoal, a administracións públicas, a representantes sindicais e ao conxunto da sociedade galega como actores impulsores da igualdade de oportunidades e a prol do desenvolvemento sostible.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, 2006-06-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES