Notas de prensa

Quintana lembra que a enerxía que se produce en Galicia é dos galegos e das galegas

Aposta por unha política enerxética "para facer país".

O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou en Ourense que a política enerxética que leva a cabo o Goberno galego, e nomeadamente a Consellería de Innovación, é unha política “para facer país”. Quintana explicou, en resposta aos medios de comunicación en Ourense, que Galiza ten por primeira vez “unha política enerxética para facer país” e lembrou que a enerxía que se produce en Galiza “é dos galegos e das galegas”.

En declaracións aos medios de comunicación en Ourense, o Vicepresidente alegrouse “de que este debate estea sobre a mesa”, e lembrou que se trata dun asunto que o nacionalismo galego leva reclamando durante moito tempo. Segundo explicou o vicepresidente, do que se trata simplemente é de que “a fin de contas o que son os recursos dos galegos sirvan aos intereses de Galiza”.

Quintana lembrou que en infinidade de ocasións anteriormente en que unha reivindicación deste estilo se puxo sobre a mesa por parte dos nacionalistas “era contestada con improperios, mesmo con insultos, e con algunha que outra descalificación”. Polo tanto expresou hoxe “a miña plena satisfacción polo feito de que este debate se estea dando con normalidade e ademais con moita xente e moi diferente reclamando que efectivamente Galiza teña beneficios polos seus recursos”.

Segundo dixo o vicepresidente, estamos ante “un problema de país” e aproveitou ademais para felicitar ao conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, porque “penso que temos por primeira vez unha política enerxética, unha política industrial para facer país, que ten provocado que este debate se abra cando menos”.

O Vicepresidente explicou que “non estamos ante un problema medioambiental, -ainda que tamén-, senón que estamos ante un problema económico, ante un problema medioambiental e ante un problema de país”. Así Quintana asegurou que ten que quedar claro que “a enerxía que se produce en Galiza é dos galegos e das galegas, e os primeiros que teñen que sacar beneficio dela son os galegos e as galegas”. “Ata agora non foi así”, acrecentou Quintana.

Quintana valorou que “por primeira vez exista un Goberno en Galiza que quere cambiar esta situación e que quere dunha vez por todas que os recursos dos galegos e as galegas dean en primeiro termo beneficio aos cidadáns deste país”. Explicou o vicepresidente que “iso é o que se está a plantexar e iso é o que imos reclamar”.

O vicepresidente asegurou que “non podemos seguir nunha situación en que en Galiza temos recursos naturais e eses recursos producen enerxía e se beneficia todo o mundo menos os galegos e as galegas, que siguen padecendo unha situación de deficiencia en moitas partes do noso territorio”. A xuizo do Vicepresidente “iso tense que acabar” e para iso o Goberno galego “ten que actuar dentro das súas competencias para modificar esa situación”.

Segundo explicou Quintana, “o que se está é a facer país e así o ten que entender todo o mundo”. Defendeu ademais que este “é o camiño que estamos a seguir”, na eléctrica e tamén na eólica. Neste senso valorou coma “moi positiva” a posición da Consellería de Industria “porque ata agora tiñamos un recurso, o eólico, e parece que isto era só un campo para sacar beneficios que non se sabe ben para onde van”. Por iso sinalou que o feito de que haxa un novo Plan Eólico que determine a participación pública nos parques eólicos “é o mecanismo para que canto menos a explotación desa enerxía e do beneficio que produce quede en parte no noso país”.

“Esa é a política que imos facer e estou contento de que haxa este debate, é un dos éxitos fundamentais e mais salientables de que o nacionalismo chegara ao goberno en Galiza”, rematou o vicepresidente.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, 2006-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES