
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, fixo un chamamento aos empresarios galegos a adoptar un profundo cambio de mentalidade e facer unha firme aposta pola sociedade do coñecemento e o investimento en I+D+i, coa finalidade de contribuír á converxencia da Comunidade coa Unión Europea. O xefe do Executivo galego fixo estas declaracións no transcurso da súa intervención nun xantar-coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección, con motivo da xornada Conxuntura da empresa galega: novos retos e novas realidades.
Ante os empresarios asistentes, Emilio Pérez Touriño explicou que ante a perda de peso económico, demográfico e de ocupación rexistrada por Galicia nos últimos anos, de cara ao período 2007-2013 a comunidade precisa dunha reorientación da súa política económica. Postulou a necesidade de seguir a traballar na senda do diálogo social porque o país precisa de confianza e estabilidade. O empeño que teño é crear un marco político que dea estabilidade e confianza á empresa, destacou.
Ao seu xuízo, o diálogo é a única vía para conseguir un país cohesionado socialmente e abordar a reforma do Estatuto de Autonomía. Estes son os cimentos sobre os que haberá que pór en práctica as medidas necesarias para converxer con Europa. Pérez Touriño destacou que a clave está na loita pola competitividade.
Neste pulso considerou fundamental facer unha aposta pola sociedade do coñecemento e polo investimento en innovación, desenvolvemento e investigación, o que require un cambio de mentalidade profunda da sociedade, das empresas e a universidade, opinou. O presidente fixo fincapé en que Galicia precisa proxectos con alto compoñente tecnolóxico e innovador. Pérez Touriño destacou que a Xunta de Galicia está poñendo en marcha un plan estratéxico de I+D+i, que será aprobado de maneira inmediata, dotado con 800 millóns de euros para o período 2006-2010, que constitúe o primeiro paso para conseguir destinar no futuro o 1,5% do PIB a este apartado.
No marco destas actuacións, o presidente tamén destacou as medidas postas en marcha polo Goberno galego para potenciar o investimento en recursos humanos, a creación de parques tecnolóxicos e o traballo en colaboración coa universidade, as empresas e a administración.
Pérez Touriño mencionou a formación e a educación como segundo piar necesario para traballar pola competitividade. Recordou que o Executivo que preside aumentou nun 9% os orzamentos de 2006 destinados a educación e que está traballando no proceso de remodelación da Formación Profesional, da man das empresas. En terceiro lugar, manifestou o seu convencemento de que é preciso fomentar a cultura emprendedora.
A todo isto haberá que sumar, segundo explicou, a batalla polas infraestruturas e os equipamentos. Temos a necesidade de gañar a batalla de culminar a Autovía do Cantábrico, o AVE e a conexión con Portugal, dixo o presidente, quen engadiu que tamén hai plans en marcha para xerar nun horizonte razoable máis de 21 millóns de metros cadrados de solo industrial.
O presidente da Xunta recordou que Galicia recibirá entre 2007-2013 fondos europeos destinados á converxencia que non suporán menos do 28% do recibido no período anterior. Por iso o Executivo está elaborando o marco estratéxico correspondente para planificar o destino desa achega, que suporá os 3.400 millóns de euros.
Xunto co compromiso do presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, de destinar a Galicia o 8% dos orzamentos estatais para infraestruturas, Touriño manifestou a súa convicción de que a comunidade non ten un problema de restrición financeira. Necesitamos ter claro as prioridades e os obxectivos para mobilizar a inmensa enerxía que ten este país na rede empresarial, destacou.
Aínda que recoñeceu que Galicia si sofre restricións no campo da enerxía, cabe reaccionar con vontade e superación, dixo. Considerou que a economía vai razoablemente ben, sen ser triunfalista, posto que todos os indicadores están demostrando que hai unha resposta razoable de confianza nas nosas posibilidades. Polo tanto, concluíu que estamos na situación de trazar un futuro no camiño da converxencia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.