Notas de prensa

O SLG denuncia o financiamento público para a investigación de pesticidas na Universidade de Santiago

Como alternativa, a organización agraria propón que se apoien métodos de control ecolóxicos e que non se subvencione, de xeito indirecto, ás multinacionais químicas.

Un grupo de científicos do departamento de Química Orgánica da Universidade de Santiago vén de patentar un novo tipo de herbicida polo que xa se interesou a multinacional Bayer. Diante desta nova, o Sindicato Labrego Galego quere denunciar o feito de que, desde institucións públicas galegas, se estean a financiar investigacións totalmente inútiles, prexudiciais e lucrativas para as multinacionais.

Xa hai tempo que foi superada a necesidade inevitable de empregar agrotóxicos nas actividades agrarias –aínda que sexan herbicidas pretendidamente intelixentes, coma neste caso-. Hoxe en día, o control das herbas só se debería realizar con métodos ecolóxicos, que non inclúen a utilización de substancias químicas estrañas. A pretensión de crear un herbicida hipersensible e potente é un delirio das elites científicas, xa que está máis que demostrado que unha substancia estraña sempre altera o ecosistema e favorece a aparición doutras herbas resistentes.

Os departamentos de Química Orgánica de todo o mundo teñen fracasado sistematicamente neste campo dos biocidas, xa que a súa metodoloxía parte do descoñecemento dos equilibrios dos ecosistemas e da fisioloxía da planta, polo que non poden –nin deben- seguir enganando aos gobernos e contribuíntes sacando novos coellos da chistera. Por todo isto, o SLG esixe a paralización destas pescudas e a cancelación inmediata de fondos públicos de calquera orixe para apoialas.

Por se non abondasen os argumentos científicos, resulta inmoral que desde a Xunta non se dediquen os fondos do Plan Galego de I+D+I ao fomento de técnicas sustentábeis e respectuosas co medio ambiente e, en troques, se desvíen cartos ás multinacionais que xa dispoñen de centros de pescuda hipersubvencionados polos gobernos dos seus países, como acontece coa Bayer Crop Science. Neste senso, cómpre saber que o posíbel socio para comercializar o achado galego, a multinacional Bayer, xa fabrica e vende todo tipo de agrotóxicos; de feito, só na categoría de herbicidas fabrica sete substancias altamente perigosas - Anilofos, Bromoxynil, Diclofop, Fenoxaprop, Oxadiazon, Isoxaflutol e Metribuzin- con evidencias científicas de que provocan cancro, intoxican o sistema reprodutivo e inhiben a enzima colesterasa nas persoas.

No “Libro negro das marcas”, dos xornalistas alemáns Klaus Werner e Hans Weis, a Bayer ocupa un lugar de privilexio entre as multinacionais con menos escrúpulos do planeta. Nacida da IG Farben, que deseñou e fabricou o Zyklon B co que os nazis gasearon a miles de persoas nos campos de exterminio, e a parte de estar acusada de explotación infantil e contribuír ao sostemento de guerras, Werner e Weis explican que “os herbicidas de Bayer ocasionaron lesións graves en persoas e animais, sobre todo no Terceiro Mundo. Por exemplo, co Baysiston (utilizado no cultivo do café); co Gaucho (para o xirasol, e causante da morte de miles de colmeas de abellas en Europa); ou cos perigosísimos Nemacur, Folidol e Baycor, denunciados pola Comisión de Dereitos Humanos da ONU por provocar graves enfermidades no sueste asiático”.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG), 2006-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES