
A mostra fotográfica da campaña Podemos. Queremos. Corresponsabilidade: responsabilidades compartidas, promovida pola Vicepresidencia da Xunta a través da Secretaría Xeral da Igualdade, comezou o seu percorrido por toda Galiza, tras a súa estancia en Santiago -en Área Central- dende o día da súa presentación. Estes días, coincidindo coa celebración da Semana Verde, puido verse no recinto feiral de Silleda. A mostra pasa por outras 15 vilas galegas ata finais de ano. En concreto, está en Pontevedra, O Grove, Baiona, A Guarda, Tui, Allariz, Pobra de Trives, Sarria, Lugo, A Estrada, Arteixo, Ourense, Mondoñedo, Cee e A Coruña.
Na mostra poden verse destacadas personaxes masculinas da vida social e cultural de Galiza realizando diferentes tarefas no fogar. Son en total 12 paneis con fotografías realizadas por Xurxo Lobato. Vicepresidencia pretende deste xeito que o maior número de persoas coñeza esta campaña, promovendo así unha reflexión e un cambio de mentalidade sobre a necesidade de repartir as responsabilidades no ámbito doméstico-familiar. Podemos. Queremos quere ensinar aos galegos e galegas que a conciliación é unha tarefa de todos, homes e mulleres, e de todos os ámbitos e momentos.
Reparto de tarefas
A Vicepresidencia da Xunta puxo en marcha Podemos. Queremos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a importancia do reparto de tarefas no fogar. Preténdese pasar do paternalismo á participación e da tutela á corresponsabilidade para acabar así co déficit democrático nos fogares, tal e como dixera o vicepresidente da Xunta na presentación da campaña o pasado 24 de maio. Como exemplo deste déficit, é suficiente lembrar un dato: nos fogares galegos, as mulleres adican catro veces máis tempo cós homes ás tarefas domésticas e ao coidado doutras persoas.
A campaña consiste, ademais da mostra itinerante de fotografías, na difusión en prensa, radio e televisión de anuncios publicitarios, e no reparto de 4.000 folletos e 6.000 catálogos coas fotos da exposición e con textos escritos por autoras galegas, como Rosa Aneiros, Anxos Sumai ou Mercedes Queixas. Este material divulgativo repártese en concellos, centros de información á muller e tamén asociacións veciñais, entre outros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.