
Chegaron a Santiago os 17 cidadáns galegos residentes en Cuba que se acolleron ao Programa Volver a casa, que ten por obxectivo promover o reencontro das persoas de orixe galega residentes no estranxeiro, e con carácter ordinario en Latinoamérica, cos seus familiares e a súa terra, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia. Os 17 galegos de Cuba chegan a Galicia despois de que o sábado arribaran os 15 beneficiarios residentes en Venezuela, e antes de que entre os días 22 e 23 de xuño cheguen máis de 200 galegos e galegas de Arxentina, Uruguai e Brasil.
Na edición de 2006 a Secretaría Xeral de Emigración ampliou nun 20% os beneficiarios do programa Volver a casa, que en total, ao longo do mes de xuño, permitirá a preto de 300 galegos e galegas residentes no exterior regresar, en moitos casos, sesenta anos despois de abandonala. O programa, que contará cun orzamento de 137.950 euros, é dicir, un 24% máis que no 2005, introduce na convocatoria do presente ano cambios que permitiron rachar coa endogamia doutras épocas e democratizar o proceso de selección de beneficiarios que retornan ao país para pasar unhas vacacións coas súas familias.
Nesta ocasión, de feito, foi por primeira vez a Secretaría Xeral de Emigración a responsable de supervisar os expedientes en todos os seus trámites, dende a convocatoria e a publicidade da mesma, ata a resolución das solicitudes, coa fin última de acadar un proceso máis obxectivo e transparente, e un tratamento unificado dos criterios de selección, que permita que se beneficien do programa Volver a casa aqueles galegos que máis tempo levan fóra de Galicia.
O departamento de Emigración do Goberno galego pretende a partir do programa Volver a casa facilitar que os galegos residentes no exterior, e máis concretamente en Latinoamérica, tomen contacto coa realidade actual de Galicia, propiciando, asemade, actividades que posibiliten o coñecemento e intercambio de experiencias con familias coas que se reencontrarán despois de moitos anos.
O programa concede axudas por valor do 60% da pasaxe entre os países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Cuba, no que a axuda ascenderá ata un 80% por mor da situación económica pola que pasa a comunidade galega asentada no país caribeño. Á súa chegada, que terá lugar na segunda quincena de xuño, pasarán unhas vacacións coas súas familias ata completar un período máximo de tres meses.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.