O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, defendeu o uso das TIC como unha estratexia segura para gañar en produtividade e competitividade empresarial, nun sentido horizontal e vertical. Segundo o conselleiro, a estratexia horizontal fundaméntase na incorporación acelerada de solucións de negocio innovadoras baseadas nas TIC, e a estratexia vertical no crecemento en sectores emerxentes vinculados ás TIC, tales coma os produtores de contidos para a súa difusión a través dos novos medios e soportes, desenvolvemento de software, ou fabricación de soportes e equipos. Fernández Antonio clausurou na Facultade de Ciencias da Comunicación a Techbusiness Week 2006.
Durante o acto de clausura da TBW, o conselleiro de Economía e Facenda falou do longo camiño que Galicia debe percorrer ata lograr a plena incorporación á sociedade da información. Non obstante, expresou a súa confianza na sociedade e nos emprendedores galegos, que teñen acreditada unha moi notable capacidade para innovar e unha actitude moi positiva cara ao emprendemento.
Unha aposta clara do Goberno Galego
Fernández Antonio puxo de manifesto que o Goberno Galego ten claro que a estratexia pasa por actuar sobre o uso das TIC a nivel empresarial, pero tamén na mellora da formación do capital humano, e na extensión das novas tecnoloxías a todos os ámbitos da sociedade. O obxectivo é xeneralizar o uso das TIC tanto nas empresas como nas escolas e nos fogares, estender o uso das TIC aos servizos públicos, e impulsar as plataformas tecnolóxicas nos sectores industriais considerados estratéxicos.
Segundo o conselleiro, os eixes de actuación dos que dispón a Xunta de Galicia para facer realidade este obxectivo son varios. Así, os Orzamentos Galegos para 2006 recollen actuacións por un total de 2.900 millóns de euros para medidas de I+D e Sociedade da Información; educación e formación do capital humano; infraestruturas; e modernización de empresas.
Fernández Antonio fixo referencia a que o Goberno Galego conta cun plan para impulsar a administración electrónica, no que xa se inclúen as novidades da Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Economía. No ámbito empresarial, o Igape tamén presta un apoio decidido aos proxectos de implantación de solucións innovadoras baseadas nas TIC, e está a promover proxectos de forte contido tecnolóxico como son a Rede Galega de Empresarios e Profesionais e o Foro Galego do Emprendemento.
Novo Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia
O conselleiro de Economía e Facenda tamén aludiu ao protagonismo da innovación e das novas tecnoloxías no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia, que está elaborando a Consellería de Economía. Fernández Antonio dixo que o Goberno Galego quere imprimirlle un novo enfoque ao destino dos fondos europeos e que unha das liñas básicas do Marco será a innovación e o coñecemento ao servizo do progreso económico e social. O conselleiro rematou falando da necesidade de implicar o empresariado nesta nova estratexia e na preparación dos proxectos para acceder ás convocatorias dos novos fondos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.