A Secretaría Xeral de Emigración, baixo o obxectivo de estimular a formación dos talentos formados na Galicia exterior, acaba de convocar bolsas de estudo destinadas a titulados universitarios e profesionais titulados universitarios de orixe galega con residencia no estranxeira para a realización de estudos de posgrao nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia.
A través desta convocatoria a Secretaría Xeral de Emigración pretende fomentar a formación especializada das persoas con titulación universitaria de orixe galega tendo en conta a oferta que deste tipo de estudos ten o Sistema Universitario de Galicia.
O orzamento que Emigración habilita para este programa de bolsas ascende aos 100.000 euros, e a contía máxima de cada axuda non poderá superar os 7.500 euros. O procedemento de concesión destas bolsas, segundo resolución publicada con data de 15 de xuño no Diario Oficial de Galicia, realizarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e avaliación dos méritos achegados polos solicitantes, coa fin de establecer unha prelación entres estes de acordo cos criterios de valoración que se establecen e respectando os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.