O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mantivo unha entrevista coa Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María Xosé Pérez Mariño. No encontro, o representante da Mesa solicitou que se envíe unha circular a todos os centros de ensino para garantir que en todos eles se van impartir para o curso próximo os mínimos de docencia en galego que sinala o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
A Directora Xeral mantivo que non se van modificar as previsións actuais da Consellaría e que o Plan Xeral de Normalización non se comezará a aplicar até o desenvolvemento da LOE. Segundo os plans do Ministerio, o desenvolvemento da LOE finalizará en 2010 (con quinto e sexto de primaria e segundo de Bacharelato), o cal significará que o Plan non se aplicará en toda a lexislatura.
Con esta situación, na Mesa non temos máis remedio que continuar coa denuncia perante o Consello de Europa contra a Consellaría de Educación e a Presidencia da Xunta (de quen depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística), tal e como anunciamos o pasado luns, lamenta o dirixente deste movemento cidadán.
A Mesa transmitiulle tamén á Consellaría que esta organización continuará a defender o cumprimento do Plan de Normalización e dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español.
Carlos Callón considera que a situación actual do galego no ensino é de tal precariedade que desde A Mesa nos conformamos con solicitar un pequeno avance como é que para o curso próximo se garantan os seguintes mínimos: que unha de cada tres horas sexan en galego en ensino infantil e un 50% en primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Iso é o que di o Plan de Normalización. A Conselleira debería explicar por que se nega a uns mínimos tan elementais, que foron consensuados no seu día no Parlamento galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.