
A Oficina Virtual da Consellería de Economía e Facenda permite xa a tramitación a través de Internet de todos os tributos cedidos que xestiona directamente, é dicir, Transmisión Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, Sucesións e Doazóns, e Patrimonio; así como as taxas sobre o xogo. As melloras introducidas na denominada Administración electrónica permiten así un maior achegamento aos cidadáns que poderán realizar os trámites dun xeito máis áxil e cómodo utilizando as novas tecnoloxías de que dispón o servizo en líña da Xunta. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, presentou na delegación da consellería en Vigo todas estas melloras que supoñen, segundo dixo, unha mellora no servizo tanto para os particulares como para os colectivos profesionais que actúan de intermediarios ou usuarios autorizados.
En cumprimento do seu obxectivo de impulsar a Administración electrónica, a consellería acometeu un plan de modernización e mellora de servicios orientado a incrementar o achegamento ao cidadán facilitando os procesos de información e tramitación dos impostos. Nesa liña de maior eficacia, transparencia e axilidade, a xestión tributaria a través de Oficina Virtual permite evitar desprazamentos, dispor de libertade total de horarios e contar cunha tramitación segura e aberta a calquera autoridade certificadora.
Entre as novidades introducidas pola consellería na xestión tributaria a través de Internet, o conselleiro destacou a mellora do programa de axuda á liquidación do Imposto de Sucesión (ALIS), que presenta agora unha segunda versión máis completa que permite a simulación de todo tipo de reparto de herencias, ademais da liquidación do imposto. Tamén destaca, segundo Fernández Antonio, a nova posibilidade de ingresar as liquidacións en calquera entidade colaboradora o que supón, afirmóu, un importante avance no achegamento da Administración e na comodidade para os cidadáns.
Convenios con entidades colaboradoras
No mesmo sentido figura a sinatura de convenios de colaboración para a presentación telemática dos impostos a través de colexios profesionais, asociacións e outras entidades que poderán actuar como colaboradoras da Administración e intermediarios dos cidadáns. Precisamente hoxe, no marco da visita do conselleiro á Delegación de Vigo, asináronse sendos convenios con esta finalidade coa Asociación Profesional de Asesores Fiscais e Contables de Ourense (Apafco); coa Asociación Nacional de Tramitadores Administrativos e Profesionais (Antap); e co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Forestais de Galicia. A iniciativa de colaboración, segundo engadiu o conselleiro, está aberta a calquera outro colexio ou colectivo profesional e próximamente se producirán novas incorporacións.
Entre as actuacións internas que fixeron posible a extensión e mellora da Administración electrónica figura a instalación de fibra óptica entre delegacións e servizos centrais, a mellora dos procedementos informáticos e a axilización dos trámites administrativos. Neste último aspecto se inclúen procesos como a confección das declaracións tributarias mediante programas de axuda para cada un dos impostos, como o mencionado ALIS, que é o equivalente do Programa PADRE do IRPF, pero para o Imposto de Sucesións. Así, están dispoñibles programas en liña de axuda para Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos e Operacións societarias; para a Sociedade Limitada Nova Empresa; para Doazóns; para Transmisións de Vehículos e embarcacións usadas; e para as taxas.
Tamén é salientable a posibilidade de presentación telemática de declaracións e de pago telemático en tempo real coas nove entidades financeras colaboradoras deste servizo (Caixa Galicia; Caixanova; Banco Popular; Banco de Galicia; SCH; BBVA; Banco Pastor; Banesto). Igualmente, pódense facer os trámties relacionados coas valoracións de bens mobles e inmobles; pagos de taxas, prezos, multas e sancións (isto en Caixa Galicia e Banesto); consultas dos estados de tramitación das declaracións dende 1993; impresión de duplicados de documentos tributarios; ou obtención de certificados de débedas coa Comunidade Autónoma.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.