Notas de prensa

A Real Academia acolleu a presentación do Puntogal, o carné de identidade para a lingua e a cultura de Galicia en Internet

A nova asociación, que presenta a candidatura diante da ICANN nos vindeiros meses, anima á participación da sociedade e, moi especialmente dentro dela, do colectivo da emigración.

"O PuntoGal será como o carné de identidade que identifique a Galicia en internet". Desta maneira definiu na Coruña o presidente da Asociación PuntoGal, Manolo González, a importancia da consecución dun dominio propio para a nosa cultura e a nosa lingua na rede. Nun acto que tivo lugar na sede da Real Academia Galega (RAG), González salientou que máis de 38 entidades representativas do país xa se adheriron á iniciativa, como primeiro paso "dun proceso aberto" no que se agarda contar "con moitas máis". Entre as entidades figuran, por citar só algunhas, a Asociación de Editores de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Consello da Xuventude, a Mesa pola Normalización Lingüística, a CRTVG, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o Consello da Cultura Galega, EMUGA, a Federación de Libreiros de Galicia, Nova Escola Galega, Ponte nas Ondas, Vieiros, AME, CESGA, o Consello da Avogacía Galega, Onda Nós ou as tres universidades galegas.

O proceso de consecución do dominio, que segundo o presidente "contribuirá a fomentar a autoestima dos valores de Galicia", conta igualmente co "apoio explícito" da dirección xeral de Promoción Industrial e para a Sociedade da Información. A súa responsable, Elena Veiguela, asistiu de feito como convidada á Asemblea Constituínte do PuntoGal celebrada o pasado sábado no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

Manolo González salientou entre os traballos previstos pola nova entidade a súa "implicación directa na sociedade" do país para concienciala da importancia do proceso. Así, a Xunta Directiva promoverá encontros e reunións con responsables políticos e sociais nas vindeiras semanas. Igualmente, o PuntoGal estará presente en diversos eventos e actividades públicas de agora en adiante. Finalmente, González afirmou que para a asociación é fundamental implicar á emigración no proxecto.

O vicepresidente da asociación, Camilo Regueiro, fixo un repaso dos pasos previos á constitución da entidade, que comezou cos traballos da Promotora e que desembocaron na Asemblea do pasado sábado na capital galega. Regueiro lembrou a importancia da participación do maior número posible de entidades como mellor maneira para conseguir o dominio, que deberá ser presentado como candidatura diante da ICANN, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, o organismo internacional que os xestiona.

Ante a posibilidade de que en xaneiro se abra un novo prazo de candidaturas, a asociación presentou un plan de traballo que inclúe a elaboración dun informe que xustifique a súa necesidade, doutro que avale a viabilidade económica do proxecto e dun terceiro, de carácter técnico, que demostre que a entidade que vai xestionar o .gal ten capacidade para facelo. Os responsables da asociación manterán contactos coa iniciativa catalana do .cat, a única no mundo que ata a data conseguiu un dominio destas características. Expertos cataláns na materia viaxarán de feito a Galicia para un encontro no vindeiro mes de xullo.

A Xunta Directiva da Asociación PuntoGal está composta por Manolo González como presidente, Camilo Regueiro como vicepresidente, Darío Janeiro como secretario, Lois Rodríguez como tesoureiro e Sergio Aramburu, Marcos Fernández, Antonio López, Luis Romero e Miguel Seoane como vocais.

Máis información en www.puntogal.org

PuntoGal, 2006-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES