Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño compromete o apoio pleno desde Galicia ao proceso de paz

O titular do Goberno galego así llo transmitiu ao secretario xeral do Partido Socialista de Euskadi, Patxi López, con quen se reuniu.

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, comprometeu o “apoio pleno desde Galicia” e desde o Goberno da Xunta ao proceso de paz iniciado polo Goberno de España. Así llo transmitiu o máximo mandatario autonómico ao secretario xeral do Partido Socialista de Euskadi, Patxi López, con quen se reuniu en Santiago. “Quero afirmar, sen dúbida, o que é o apoio pleno desde Galicia, desde o Goberno galego, ao proceso de paz, á necesidade de culminar esa esperanza e pechar ese ciclo tráxico da historia do noso país, da historia do País Vasco”, remarcou Pérez Touriño.

O titular do Goberno salientou que para acadar este obxectivo da paz é preciso “facer e poñer enriba da mesa un esforzo xeneroso, un esforzo político de diálogo, de consenso e concertación, o esforzo político no marco da Constitución para acadar esa meta ansiada da paz”. “E desde Galicia –engadiu o presidente da Xunta- nunca faltará o apoio, a cercanía e a sintonía co esforzo necesario neste sentido”.

Emilio Pérez Touriño salientou que existen xa “consensos fundamentais” para acabar e superar o terrorismo, algo que considerou “unha necesidade, unha demanda, algo que queren todos os galegos e todas as galegas, todos os españois e todas as españolas, todos os cidadáns de ben en todas as comunidades”.

Obxectivo: a paz

A este respecto, o máximo mandatario autonómico lembrou que “sabemos ben cal é o camiño”, xa que o obxectivo “é a paz”, o camiño “é o diálogo político, a concertación política, o camiño do diálogo aberto e franco” e o marco “é o respecto á Constitución”. “Polo tanto –proseguiu Pérez Touriño- se está claro o marco, que é a Constitución, se está aberto o camiño, que é o diálogo, e sabemos que o obxectivo é conseguir a paz, teñen todo o apoio, desde logo, desde Galicia para este proceso de paz”.

O presidente da Xunta lembrou que agora se inicia un longo proceso que debe ser afrontado con decisión e valentía. “Queda un camiño longo, duro e difícil –asegurou-, pero temos que percorrelo con decisión e con valentía”.

“Acabar co terrorismo é unha tarefa de todos da cal ninguén se debe excluír e ninguén se debe sentir excluído”, aseverou, posto que o camiño da paz “é unha tarefa de Estado e nela non faltará nunca o apoio entusiasta desde Galicia, desde a miña Comunidade”, concluíu o presidente da Xunta.

Oportunidade histórica

Pola súa banda, o secretario xeral do Partido Socialista de Euskadi, Patxi López, agradeceu o compromiso do Goberno da Xunta no proceso de paz e o apoio de todos os galegos, desde sempre, “na dura loita que mantivemos pola paz, pola liberdade e pola defensa da democracia e do Estado de dereito en Euskadi”.

NotaAsí mesmo, Patxi López tamén quixo transmitir unha mensaxe de esperanza, unha esperanza, sinalou, “que nos leva a dicir que estamos ante o mellor momento de toda a nosa historia para poder conseguir a paz e a liberdade definitiva no noso país, en Euskadi e no conxunto de España”. “Por primeira vez –remarcou- estamos ante unha oportunidade histórica que se todos sabemos estar á altura das nosas responsabilidades e cumprir coas nosas obrigacións, estamos seguros de que o que hoxe é un alto ao fogo permanente poderemos convertelo nunha paz e unha liberdade definitiva”.

O secretario xeral do Partido Socialista de Euskadi aproveitou a súa intervención para lembrar os catro principios básicos que, ao seu xuízo, deben guiar o proceso de paz. En primeiro lugar, considerar que a paz non é un regalo de ETA, senón “o trunfo da democracia e do Estado de dereito e da cidadanía no seu conxunto”. En segundo lugar, que a paz non debe significar esquecemento nin silencio, e que nesta tarefa as vítimas do terrorismo deben ser un referente. En terceiro lugar, que a paz “é un obxectivo en si mesmo” e non un medio para conseguir “réditos nin reivindicacións particulares”. “A paz é igualdade e democracia”, sinalou. E, por último, que o camiño para a paz “é un camiño de todos, onde non caben particularismos nin estratexias de partido, políticas de corto alcance que impidan ou prexudiquen o camiño á paz”.

Por último, Patxi López aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao Partido Popular para que entenda “que este é o tempo de sumar e non de dividir”. “Que é o tempo de apoiar ao Goberno para facelo forte neste camiño que é largo, duro e difícil”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES