
O Ministerio de Cultura vén de fallar o Premio Nacional de Edición que, na categoría infantil e xuvenil, recaeu en A la sombra del olivo, editado por Kókinos e distribuido en Galicia por Kalandraka Editora. Este novo galardón vén sumarse ao Primeiro Premio Nacional de Ilustración, que lle foi concedido recentemente a Isidro Ferrer pola obra Una casa para el abuelo, que tamén distribúe a editorial pontevedresa para os lectores galegos.
A la sombra del olivo contén un CD no que se poden escoitar 29 cancións infantís árabes e bereberes -recompilados polas investigadoras Magdeleine Lesasle e Hafida Favret- que forman parte do acervo de nanas, xogos e rimas dos rapaces do Magreb: arxelinos, marroquís e tunecinos. O libro, ilustrado por Nathalie Novi, contén unha transcripción da letra das cancións e unha versión en caracteres árabes, que foi traducida ao castelán por Miguel Ángel Mendo.
Este libro forma parte dunha colección á que tamén pertencen os títulos Canciones infantiles y nanas del baobab e Cancionero infantil del papagayo. A estes -que tratan sobre a tradición musical da África negra e da cultura lusófona de Brasil e Portugal, respectivamente- unirase proximamente un novo volume con cancións infantís da cultura sefardí que inclúe algunhas letras en xudeoespañol, segundo avanzan desde a editorial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.