
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou na Feira do Libro de Madrid o volume Poemas pola memoria, Antoloxía de poesía galega sobre a represión (1936-2006), publicado con motivo de 2006, Ano da Memoria. O acto contou coas intervencións do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, da escritora exiliada durante o franquismo, Mariví Villaverde, e do editor do libro, Manuel Fernández Rodríguez. Tres poetas que achegaron textos para esta antoloxía, Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo e Vicente Araguas, deron lectura a varios poemas incluídos nesta selección, como tamén fixeron varios galegos residentes en Madrid.
A conselleira de Cultura agradeceulle aos presentes a súa asistencia a un acto, dixo, que máis que unha presentación dun magnífico libro é un recoñecemento sincero ás persoas que sufriron a ditadura franquista, e que no caso de Galicia se ensañou especialmente co galeguismo cultural e político. A poesía proseguiu a conselleira, converteuse en denuncia e testemuña emocionante dun dos tempos máis duros da nosa historia e estas son testemuñas obrigadas do horror que viviron.
Ánxela Bugallo salientou o feito de que a maioría destas composicións tiveron que ser escritas nun exilio que foi definitivo para moitos e que abriu unha fenda na cultura galega e apuntou que os textos máis recentes responden á necesidade dos poetas de reaxir, de asumir a obriga moral e política de recuperar a nosa memoria para construír o noso futuro.
Ánxela Bugallo lembroulle ao auditorio do Pavillón Fundación Círculo de Lectores que en Galiza, o presente ano 2006 foi declarado oficialmente o Ano da Memoria por parte do novo goberno da Xunta. Segundo Bugallo, esta decisión supuxo un cambio radical na recuperación da nosa historia e o xusto recoñecemento a todos e todas as que loitaron pola liberdade. Tres son os eixes fundamentais deste programa de conmemoración: a investigación, a homenaxe e a difusión.
De feito, un equipo de traballo integrado polas tres universidades galegas está xa investigando todos os acontecementos que se produciron nos anos da represión. Durante este ano estanse a organizar actos de homenaxe e de recoñecemento das vítimas e das súas familias e a Xunta colaborará cos que se celebren desde as asociacións pola recuperación da memoria.
O obxectivo primordial desta efeméride é a difusión. Afirmou a conselleira que queremos saber a verdade e queremos que a sociedade galega a coñeza para deixar atrás o tempo dos silenzos, dos buracos negros, das preguntas sen resposta. Varias exposicións, libros, un portal de internet e un congreso contribuirán a espallar esa luz, engadiu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.