Notas de prensa

O sector de baixura presenta máis de 900 actuacións de investimento ao amparo da orde de axudas para proxectos colectivos

O Consello do Goberno galego coñeceu os 136 proxectos do sector que contemplan 905 actuacións de inversión en aspectos como asistencias técnicas, melloras na comercialización, accións de rexeneración dos recursos ou iniciativas de turismo pesqueiro, entre outras.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos informou no Consello da Xunta dos 136 proxectos presentados polo sector da baixura (frota artesanal e marisqueo) de xestión integral para o aproveitamento dos recursos mariños de Galicia. Estas inicitivas, que xurden do propio sector e comprenden un total de 905 actuacións de inversión, enmárcanse na orde do 30 de decembro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións. O obxectivo de Pesca con esta orde é promover e fomentar o desenvolvemento sostible da actividade económica derivada da explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros.

As iniciativas recibidas están organizadas por proxectos que foron promovidos por unha ou varias organizacións. Estes proxectos están divididos a súa vez en subproxectos que son os que definen os obxectivos concretos a realizar e especifican a inversión que se fai necesaria para levalos a cabo. O departamento que dirixe Carmen Gallego Calvar recibiu neste senso un total de 136 accións, que suporían unha inversión total de 19.207.253 euros e que engloban aspectos como novas vías de comercialización, formación, rexeneración dos bancos marisqueiros, vixiancia ou asistencias técnicas, entre outros.

A comarca de Arousa encabeza o número de solicitudes presentadas a Pesca cun total de 37 proxectos, seguida moi de preto por Vigo, que presentou 32 solicitudes. Pontevedra, Muros, Fisterra, A Costa da Morte, Coruña, Cedeira, A Mariña e A Guarda son algunhas das outras localidades costeiras de Galicia que optan ás subvencións para proxectos colectivos de xestión integral para o para o aproveitamento dos recursos mariños.

Proxectos que van desde a comercialización ata a vixilancia

Para mellorar e facer máis eficiente a xestión dos recursos é necesaria a ampliación dos colectivos sociais que participan na actividade de aproveitamento. Por elo, é preciso que as entidades sectoriais invirtan en tecnoloxía e unha destas inversións ten que ver coa incorporación de técnicos que permitan recoller información do estado do recurso para racionalizar as propostas de xestión. Neste senso, un 20,53% dos subproxectos presentados son de asistencias técnicas -un total de 63-, que conlevarían unha financiación de 1.436.676 euros.

As iniciativas vinculadas á comercialización son as que irrompen con máis forza nas peticións de axudas, xa que a participación dos produtores na comercialización dos produtos pesqueiros debería facilitar aos colectivos unha maior eficencia económica. A maioria dos proxectos presentados plantexan unha estratexia de comercialización conxunta.

No apartado de estudos, presentáronse un total de 9 solicitudes por parte de tres colectivos, catro confrarías e dúas entidades profesionais. A inversión neste eido sería de 556.708 euros e basicamente se trata de traballos destinados a ampliar os coñecementos sobre o estado das zonas de produción.

A maior parte das accións presentadas ao amparo da orde de Pesca son para a financiación dos traballos de aplicación de técnicas de semicultivo nos bancos marisqueiros tales como a preparación do sustrato ou a súa modificación, a limpeza de algas ou o aporte de semente. É importante suliñar neste intre que as zonas afectadas polas mortandades invernais puideron facer modificacións nos seus proxectos para paliar os efectos provocados por esta situación. Para actividades vencelladas á rexeneración presentáronse 94 subproxectos por valor de 5.152.137 euros.

Por último, nas iniciativas de protección dos recursos, que son tradicionais por parte das organizacións sectoriais para facilitar a organización da actividades de explotación, fináncianse fundamentalmente os costes de persoal de vixiancia. Neste apartado as subvencións solicitadas -un total de 64 subproxectos- ascenden a 4.678.753 euros.

A intención da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con esta orde de axudas, que prima os proxectos colectivos e que está na liña dos novos Fondos Europeos da Pesca, é cambiar o sistema empregado durante o Goberno do Partido Popular, que non tiña ningunha orientación nin baremo para que se soubera cal era o sistema de aprobación deste tipo de iniciativas.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2006-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES