Notas de prensa

O presidente da Xunta aposta polo impulso da proxección exterior das empresas galegas

Indicou que a rede de centros de promoción de negocios pasou de dous a cinco centros tras a apertura dos de China Polonia e Estados Unidos.

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, apostou por impulsar a proxección exterior das empresas galegas. Tras coñecer os resultados dun informe presentado pola Consellería de Economía sobre a acción exterior do Igape, Pérez Touriño, salientou que con estas actividades se pretende mellorar a internacionalización das empresas, a proxección mundial das mesmas e a captación de investimentos do exterior en Galicia, así como a cualificación de persoal en comercio exterior.

O titular do Goberno galego sinalou que a economía galega é “unha das máis abertas de España, bastante máis que a economía española”. “Unha economía que se desenvolve nos mercados internacionais de forma preferente e onde a aposta pola calidade, prezo e diferenciación de produtos son vitais para gañar en competitividade e produtividade”, reseñou.

Touriño destacou que as exportacións galegas son as que máis crecen de todas as comunidades de España, liderando no 2005 o crecemento do comercio exterior. “No transcurso do 2006 as exportación seguen medrando por riba da media española”, explicou.

Neste senso, informou de que o Igape aumentou a rede dos centros de promoción de negocios coa apertura de tres novas delegacións situadas en Polonia, EEUU e China. “Apostase así -segundo indicou Touriño- por unha presenza directa en mercados importantes e emerxentes”.

Rede de empresarios

O presidente da Xunta anunciou a “inminente posta en marcha” da rede de empresarios galegos no exterior que constitúe unha aposta da Xunta cos empresarios para crear unha especie de lobby, de vinculación e de traballo coordinado e conxunto do empresariado galego no exterior. Así informou da apertura dunha liña de axudas financeiras para subvencionar entre o 50 e o 90 por cento dos custes de accións orientadas a ampliar a internacionalización das empresas galegas.

Venda nas lonxas

Por outra banda, Pérez Touriño anunciou que o Consello da Xunta aprobou a modificación do sistema de primeira venda de produtos frescos da pesca nas lonxas, é dicir, a supresión da obrigatoriedade da poxa á baixa como única modalidade de transacción comercial. Con este acordo “permitirase rendabilizar mellor aos produtores as súas capturas, repercutir os seus custes de produción aos intermediarios e en definitiva, estar en mellores condicións”, explicou.

Esta medida permitirá, ademais, que as entidades de interese colectivo (confrarías, asociacións ou cooperativas) adquiran produtos da pesca e o marisqueo nas lonxas e centros autorizados, o que ata agora non podían facer.

Proxectos na baixura

Ademais, a Xunta promoverá proxectos de comercialización e de rexeneración de recursos de turismo pesqueiro para a xestión e o aproveitamento integral dos recursos mariños. Pérez Touriño indicou que hai máis de 136 iniciativas nesta dirección e a orde aprobada hoxe regulará eses incentivos, que ata agora se producían en menor contía e se efectuaban mediante convenio. Deste xeito, a Xunta duplicará as axudas e o acceso ás mesmas pasará a ser universal. Preténdese promover e fomentar o desenvolvemento sostible da actividade económica derivada da explotación dos recursos pesqueiros.

Cooperación cos concellos

Touriño anunciou o investimento de preto de 18 millóns de euros para o saneamento da ría da Coruña. O Estado aporta o 85% dos recursos e a Xunta o 15% restante. Trátase do emisario mariño para sanear o sistema de augas residuais de cinco municipios da provincia: A Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre. “O saneamento e depuración da ría da Coruña culminará en 2008”, explicou.

Nesta liña de colaboración, o máximo mandatario galego anunciou o acordo co Concello de Vigo mediante o cal se porá fin a un litixio que mantiveron durante 12 anos ambas as administracións en relación coa transferencia do Hospital municipal Nicolás Peña. “Autorízase o acordo para aparcar a vía do contencioso e ir a unha vía transaccional”, matizou.

Subministración eléctrica

Pérez Touriño anunciou o convenio para desenvolver o plan de mellora da calidade de subministro eléctrico na Galicia rural cun aporte de 9 millóns de euros. Trátase da implantación do plan para mellorar a calidade nos ámbitos rurais das catro provincias galegas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES