Notas de prensa

Pérez Touriño recibe en audiencia ao alcalde de Salvador de Bahía

O rexedor da cidade brasileira manifesta o seu interese en coñecer as experiencias de Galicia en materia turística.

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, recibiu en audiencia na residencia oficial de Monte Pío o alcalde de Salvador de Bahía, Joao Henrique de Barradas Carneiro. Acompañado polo secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, o máximo mandatario autonómico mantivo por espazo de preto dunha hora unha reunión co rexedor brasileiro, quen se interesou polas posibilidades de colaboración con Galicia en aspectos como o turismo ou o comercio.

Joao Henrique de Barradas manifestou o seu interese en compartir experiencias en materia turística, coa intención de coñecer tanto as políticas de turismo levadas a cabo pola Administración autonómica como dende o punto de vista municipal. O alcalde de Salvador de Bahía amosou tamén a súa vontade de coñecer as posibilidades de que a Xunta de Galicia dirixa actuacións de cooperación exterior ás zonas máis deprimidas desta cidade brasileira.

Por outra banda, Joao Henrique de Barradas convidou ao presidente da Xunta a visitar a súa cidade acompañado por representantes de distintos municipios galegos e mesmo unha misión empresarial para establecer liñas de colaboración comercial e noutros posibles ámbitos.

Salvador de Bahía é a terceira cidade máis populosa de Brasil e conta cuns 3 millóns de habitantes. Calcúlase que no seu entorno viven uns 5.000 galegos de orixe dos máis de 25.500 que hai en todo o país. A colonia galega de Salvador de Bahía ten unha importante presenza na vida social e económica da cidade. A Real Sociedade Española de Beneficencia, o Centro Español de Salvador de Bahía, a Asociación Cultural Caballeros de Santiago, o Centro Recreativo Unión do Río Tea e Galicia Esporte Clube son algunhas das entidades galegas máis importantes da cidade.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-06-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES