A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta das actuacións que está a levar a cabo vencelladas ao sector de baixura e marisqueo. Neste senso, a conselleira criticou a opacidade que predominou no anterior Goberno á hora de conceder subvencións e suliñou como prioridades para o departamento que dirixe a claridade e a transparencia nas axudas que as entidades pesqueiras e marisqueiras poden acadar. Así, sinalou que o obxectivo da actual Xunta é a posta en marcha dun conxunto de políticas que perseguen a consolidación dun sector que conta con máis de 4.500 embarcacións, máis de 8.000 tripulantes e arredor de 5.000 mariscadores.
Carmen Gallego destacou na súa intervención a necesidade de correxir a
tendencia que predominaba nos últimos tempos de destrución dos nosos
barcos e lembrou que só entre os anos 2000 e 2004, o 97% da frota
desmantaleda en Galicia era de baixura e só un 35% das renovacións
aprobadas polo PP pertencía a este segmento de frota.
Por este motivo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos fixo este ano
un importante esforzo orzamentario para poder facer inversións en
modernización o que, unido a outras iniciativas, nos dá unha cifra de máis
de 30 millóns de euros de inversión repartidos en distintos programas
destinados aos traballadores da baixura e o marisqueo. Esta cantidade
representa un 13,5% do orzamento xeral do departamento que dirixe Carmen
Gallego.
Nesta liña de actuacións, Gallego Calvar anunciou na Cámara galega que ao
longo deste ano incorporaranse ao exercicio marisqueiro un total de 213
persoas xa que a vontade deste Goberno é dinamizar un subsector que ata
o momento foi obxecto de políticas pasivas.
Proxectos colectivos, un novo xeito de axudas
Cando o novo Goberno de Galicia tomou posesión no mes de agosto de 2005 fíxose necesario un cambio de mentalidade e actitude no sector pesqueiro con respecto á Administración. Algo totalmente necesario para poder avanzar e traballar coa mesma filosofía co novo Fondo Europeo da Pesca (FEP), que entrará en vigor no mes de xaneiro de 2007. O FEP ten cinco eixes de actuación: Adaptación da frota, axudas para a acuicultura, transformación e comercialización, medidas de interese colectivo,
desenvolvemento sostible das zonas pesqueiras e asistencias técnicas.
Nesta liña, o apartado que afecta de xeito máis directo ao sector de
baixura é o adicado ás medidas de interese colectivo, que integra varias
accións tales como a mellora da xestión e conservación dos recursos, a
inversión e o desenvolvemento das zonas de produción e a promoción da
colaboración entre científicos e profesionais. Inclúense nesta liña de
axudas as destinadas á protección da fauna, os portos pesqueiros e á
búsqueda de novos mercados e aos proxectos pilotos. Ademais, a Unión
Europea primará aqueles proxectos que se presenten dun xeito colectivo, é
dicir no que estén involucrados varias organizacións xuntas.
Esta, segundo informou a Conselleira de Pesca no Parlamento de Galicia,
foi unha das razóns que nos impulsaron a cambiar o sistema empregado
durante o Goberno do Partido Popular, que non tiña ningunha orientación
nin baremo para que se soubera cal era o sistema de aprobación dos
proxectos presentados polas entidades de baixura. Só o ano pasado
repartíronse deste xeito 3.253.228 euros entre as confrarías.
Este ano, e ao amparo da nova orde de axudas publicada por Pesca,
presentáronse un total de 136 proxectos colectivos, que abarcan dende a
comercialización ata o turismo mariñeiro, pasando por accións
experimentais ou de rexeneracións dos bancos de cultivo.
Plan de portos
Carmen Gallego tamén falou na súa comparecencia dos planes de portos,
outra das preocupacións desta Consellería. Así, suliñou que Pesca
aumentou nun 108% con respecto ao 2005 o orzamento destinado a mellora dos equipamentos portuarios. Deste xeito, asegurou, este ano invertiremos un 6,5% máis que nos anos 2004 e 2005 xuntos.
A responsable de asuntos pesqueiros explicou que con esta inversión
acercámonos máis ás cifras que nun primeiro intre solicitaron as
confrarías ao anterior Goberno no ano 2003.
Formación e investigación
Ademais das axudas de carácter estrutural destinadas ao sector de
baixura, a formación é outro dos pilares básicos da actual política
pesqueira galega. Neste apartado, o compromiso da Consellería de Pesca
pasa por un incremento dun 33% do presuposto destinado a accións de
formación, que se traducirá na posta en marcha de 220 cursos de distinto
nivel nos que participarán máis de 4.300 profesionais. Neste intre é de
destacar que dende o pasado 1 de xuño asumíronse por parte de Pesca os
cursos que impartía o Instituto Social da Mariña (ISM), que suporán outras
trece accións formativas para preto de 300 profesionais.
No eido da investigación, a Conselleira lembrou que xa o ano pasado se
iniciou unha primeira experiencia de repoboación na zona da Costa da
Morte, coa solta de dez mil alevíns de rodaballo que foron criados nas
instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). Este
centro continúa a traballar na obtención doutras especies para levar a
cabo experiencias similares a finais de 2006.
No que respecta ás reservas mariñas, Carmen Gallego explicou que é outra
das fórmulas para garantir unha sostenibilidade dos recursos pesqueiros e
falou da posta en marcha este mesmo ano da Área Marítima Protexida de
Lira, na que se fixaron unha serie de limitacións á pesca para certas
especies que se consideran fundamentais.
No mesmo senso, vense de presentar o programa piloto para a explotación
sostible dos recursos mariños Amares, no que tamén participa Medio
Ambiente, que ten como obxecto sensibilizar ao sector pesqueiro e á
sociedade en xeral sobre a necesidade de acadar un modelo de
desenvolvemento económico do mundo mariñeiro baseado na explotación
racional dos recursos e na búsqueda de alternativas económicas para o
sector.
Promoción dos nosos produtos
As actuacións adicadas aos mercados dos produtos da baixura víronse
reforzadas ao longo deste ano. Unha das primeiras inicitivas que se
levaron a cabo neste senso foi o Obradoiro de motivación do consumo de
produtos pesqueiros galegos entre a poboación infantil. A fórmula
empregada foi a introdución do peixe nos menús dos comedores escolares,
para rapaces de entre oito e dez anos, apoiando esta acción con actividades
de carácter didáctico.
Pesca tamén está a traballar, en estreita colaboración co sector, no
mellor xeito de obter o indicativo xeográfico protexido para especies como
o percebe e o ourizo.
Por outra banda, Carmen Gallego sinalou que a Consellería de Pesca estivo
presente nos últimos meses nas principais feiras nacionais e
internacionais adicadas ao mundo do mar. Como actuación ao longo prazo, a
Consellería puxo en marcha unha consulta co sector para a creación dunha
Axencia Galega de Promoción Exterior, que se encargaría de axudar e
asesorar aos nosos empresarios con presencia no exterior.
Seguro de mal tempo
Na súa comparecencia, a resposable de Pesca destacou outras iniciativas do
novo Goberno galego como a posta en marcha dun seguro de mal tempo.
Neste senso, dixo que a finais de abril se adxudicou o concurso para este
estudo e que nun prazo de seis meses poderemos avanzar xunto co sector
en chegar á análise de establecer unha póliza que cubra as perdas
derivadas de non poder sair a faenar polos efectos dos temporais.
Por último, a Conselleira fixo referencia ao paro biolóxico do polbo que
comenzou o pasado 19 de maio. Esta acción, suliñou Carme Gallego, era
necesaria e así nolo pediu o propio sector porque as capturas se reduciron
notablemente e había que poñer en marcha un instrumento de xestión desta
pesqueiría para recuperar o stock. Para esta parada, a Conselería destina
preto de catro millóns de euros.
Todas as accións enumeradas por Carmen Gallego na Cámara forman parte
dunha política orientada a dinamizar o sector da baixura no que están
contemplados a frota artesanal e os mariscadores.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.