Notas de prensa

A Mesa considera unha “chafallada” a circular sobre ensino en galego en infantil que enviou a Consellaría de Educación

Carlos Callón: “O modelo formulado pola Conselleira non está dentro do proceso de normalización lingüística nin como o definen os acordos parlamentares e as leis en vigor”.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera unha “chafallada sen xeito e improvisada” a circular que enviaron a Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística a todos os centros de segundo ciclo de ensino infantil (3 – 6 anos). Nesa circular indícase que todos os centros que teñan máis de dúas unidades de infantil poderán impartir en galego unha desas unidades, sempre e cando conten cos seguintes requisitos: “compromiso do profesorado implicado”, “autorización dos pais, nais ou titores”, “acordo do claustro”, “aprobación do Consello escolar” e “contar con alumnado suficiente para a constitución dun grupo, sen que supoña ningún incremento do número de unidades”.

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, lamenta que “o ensino en galego se converta nunha carreira de obstáculos colocados pola Administración” e critica que “se lle outorgue ao galego un carácter de opcionalidade e excepcionalidade extrema”. “Nós defendemos a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que ademais de ser un acordo parlamentar por unanimidade é o que figura no acordo de Goberno polo cal a Conselleira de Educación é Conselleira de Educación. Estoutro modelo que a Conselleira tirou da manga non está dentro do proceso de normalización lingüística, nin como o definen os acordos parlamentares e as leis en vigor.”

Para A Mesa, este modelo presenta ademais “demasiadas incertezas que a Consellaría debería aclarar”, como as seguintes:

-        Na liña que non é en galego vaise aplicar o acordo parlamentario de que un mínimo de unha cada tres horas sexa en galego ou vai ser unha liña onde se exclúa o galego totalmente? Nese último caso, como se garantiría o acceso dos nenos e nenas ao coñecemento da lingua galega?

-        Cal é a demanda de alumnado mínima necesaria para que se constitúa unha liña en galego? Se hai 40 rapaces e rapazas, 14 se apuntan ao ensino en galego e 26 á outra liña, haberá dúas unidades así distribuídas? Consideraríase “alumnado suficiente”? Que garantías dá a Consellaría de Educación para que nese caso ou noutros semellantes se constitúa unha unidade?

-        Nos casos en que poida haber demanda das nais e pais aínda que non acordo do claustro e/ou do consello escolar, a Consellaría de Educación vai arbitrar algún tipo de medida para garantir a existencia desa liña?

-        Nos centros de dúas ou máis unidades que xa imparten en galego, vai ter consecuencias negativas esta circular, significando que unha desas unidades vai ter que deixar de impartirse en galego? (Esta circular enviouse tamén a centros que nestes momentos xa imparten en galego, conforme o disposto na lexislación vixente.)

“Desde A Mesa tentamos, infrutuosamente, pórmonos en contacto coa Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para que clarificase todos estes puntos. Porén, a Consellaría de Educación só parece disposta a nos dar esta información nunha entrevista con dirixentes da Mesa que se estabeleceu para quince días antes de que os centros teñan que ter aprobada a súa inclusión neste proxecto”. Tal carencia de información, que afecta singularmente aos propios centros de ensino, “contribúe a levar este proxecto ao maior dos fracasos”.

A Mesa reclámalle á Consellaría de Educación que envíe unha nova circular e “corrixa a chafallada”

A Mesa pola Normalización Lingüística exíxelle á Consellaría de Educación e á Secretaría Xeral de Política Lingüística que envíen unha nova circular aos centros de infantil, para a súa aplicación no curso 2006/07, no seguinte sentido:

-        Nas zonas de maioría galego-falante (segundo inquéritos oficiais, como o censo de poboación), o ensino infantil debe ser en galego, calquera que sexa a lingua familiar dos nenos e nenas.

-        Nos contornos de maioría castelán-falante:

o Todas as unidades de infantil han de impartir un mínimo de unha de cada tres horas en lingua galega.

o Nos centros de contornos castelán-falantes onde haxa profesorado disposto para o curso próximo e, ouvida a opinión de nais, pais e titoras/es, ofertaranse unha ou máis unidades de ensino infantil en galego. Serán experiencias iniciais que contarán coa dotación material, o apoio e o asesoramento da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2006-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES