Notas de prensa

A XIV Feira das Artes Escénicas exhibirá 27 espectáculos de teatro e danza ante 150 programadores de toda a península

Un total de 21 compañías galegas e 6 de fóra amosarán as súas últimas producións do 13 ao 17 de xuño en sete espazos da cidade de Santiago.

O cambio de denominación do encontro constata a presenza da oferta coreográfica no seu cartel, que foi presentado pola conselleira de Cultura Santiago.

A Feira das Artes Escénicas de Galicia celebra do 13 ao 17 de xuño a súa décimo cuarta edición, durante a que a cidade de Santiago se convirte no punto de encontro entre as 27 compañías participantes (21 galegas e 6 de fóra) e os 150 programadores, distribuidores e axentes culturais acreditados. Este ano, o
evento que organiza o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da
Consellería de Cultura e Deporte cambia a súa denominación –de Feira do Teatro a Feira das Artes Escénicas– para constatar a presenza da danza nun cartel no que, porén, o teatro continúa a ser o protagonista.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou o programa
da XIV edición, que se desenvolve en sete espazos composteláns. A Chocolataría e o
Auditorio de Galicia súmanse nesta ocasión a escenarios xa habituais, como a Sala Yago, o Salón Teatro, o Teatro Galán, o Teatro Principal e a Sala Nasa. Ademais, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester será a sede da oficina central da Feira e dun programa de actividades paralelas que incluirá presentacións públicas de proxectos, mostras e compañías, así como a exposición O escenario da ilusión. Neste acto de presentación tamén participaron o xerente do IGAEM, Miguel Martín; e o director da XIV Feira das Artes Escénicas, Víctor López Carbajales.

Teatro de actor dirixido a público adulto e infantil, monicreques e danza son os xéneros artísticos presentes nesta edición, que mantén como obxectivo prioritario facilitar o encontro das compañías galegas con programadores e distribuidores procedentes de diferentes puntos da Península cara á contratación destes espectáculos nos diferentes circuítos, feiras, festivais e escenarios que contan con representación no evento. Así mesmo, os programadores galegos terán a oportunidade de asistir á representación de seis destacadas producións chegadas dende Barcelona (Titzina Teatre, con Entrañas, e Teatre Tantarantana, con Idaho y Utah, nanas para nenes malitos), Madrid (Teatro Español e Uroc Teatro, co espectáculo infantil Romeo y Julieta), Valencia (P.T.V. Clowns, con Animalico), Alemaña (a berlinesa Familie Flöz, con Teatro Delusio) e Portugal (Companhia do Chapitô, dende Lisboa, con O grande criador).

Entre as propostas galegas, a nosa dramaturxia contemporánea (A Factoría Teatro
presenta Os homes só contan até tres de Antón Lopo; Ancora Producións, Final de
película de Gustavo Pernas; Lagarta Lagarta, Carambola de José Luís Prieto; Sala Yago, Merda de Xavier Estévez e Ricardo Barreiro; Sapristi, So sobre de Evaristo Calvo; Sarabela Teatro, O heroe de Manuel Rivas; e Teatro do Aquí, Ópera de A Patacón de Roberto Vidal Bolaño) convive con clásicos universais (Talía Teatro, con Esperando a Godot de Samuel Becket; Teatro Galileo, con O avaro de Molière; Teatro de Ningures, coa adaptación de Misericordia de Galdós; Teatro do Atlántico, con A raíña da beleza de Leenane de Martin McDonagh; e Teatro do Noroeste, con A casa do pai, inspirada en O malentendido de Camus) nun programa no que tamén teñen cabida as novas tendencias escénicas da man de formacións de recente creación (Census, o soño do enumerador, de Eme2-Colectivo Ludd; Ópera off, de A Última Rata; Figurantes, de Teatro D2; e Oco, de Teatro Ensallle), así como montaxes pensadas para os máis novos (O libro da selva, de Títeres Cachirulo, e Tic Tac, sons dunha nave, de Teatro Buratini).

A representación galega complétase cos espectáculos coreográficos que exhibirán as compañías Disque Danza (Candanseu chapeu), Experimenta Danza (Meltemi) e Nova Galega de Danza (Engado).

A XIV Feira das Artes Escénicas é, ademais, o marco para a exhibición en Galicia da
exposición O escenario da ilusión que, a través dunha vintena de pezas orixinais
recuperadas ou reconstruídas, propón unha viaxe no tempo cara ao teatro barroco dende a perspectiva da profesión escenográfica. Esta exposición permanecerá na Fundación Gonzalo Torrente Ballester do 13 ao 24 de xuño, onde pode ser visitada en horario de 11.00 a 20.00 horas, agás o domingo.

Froito de anos de investigación documental e traballo de obradoiro dos escenógrafos da empresa madrileña Antiqua Escena, responsables do descubrimento, restauración e difusión do Antigo Teatro Cervantes (Corral de Comedias dende 1601) de Alcalá de Henares, esta exposición estrutúrase arredor de tres grandes eixes temáticos -son, luz e enxeñería teatral- para afondar nas técnicas empregadas polos tremoias dos séculos XVII e XVIII. Neste percorrido histórico atoparemos, por exemplo, diferentes máquinas de vento e ondas, candeeiros e lanternas, e mecanismos para a reprodución de nubes ou o
despregue de personaxes, entre outras pezas.

Tanto o programa de espectáculos como o de actividades paralelas, no que tamén se insiren quince presentacións de proxectos, mostras e espectáculos e unha reunión dos membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios, pode ser consultado na páxina web http://www.feiradasartesescenicas.com.

Igaem (Xunta de Galicia), 2006-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES