
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou o encontro que manteñen durante tres días en Santiago os socios de E-CONS, rede temática de consumo Comenius-3 creada en 2005 e incluída dentro do programa de educación Sócrates da Comisión Europea. No encontro, organizado polo Instituto Galego de Consumo e que se desenvolve na sé da Fundación Caixa Galicia en Santiago, participan un total de 38 expertos en educación para o consumo procedentes de 18 países europeos e da práctica totalidade das Comunidades Autónomas do Estado. O acto inaugural, ao que continuou unha mesa redonda coa participación dos socios da rede, contou coa presenza da presidenta do Instituto Galego de Consumo, Ana Rúa; o director xeral de Comercio e Consumo de Cantabria, Fernando Toyos; e a directora do Instituto Nacional de Consumo, Ángeles Heras.
Na súa intervención, Fernando Blanco destacou a importancia da educación para o consumo como o vehículo para formar unha sociedade responsábel e consciente nos seus actos de consumo. O titular nacionalista salientou o esforzo realizado polo IGC neste eido, que tivo como resultado a realización dun Libro Branco da Educación para o Consumo, documento de medidas e propostas que o conselleiro postulou como referencia para potenciar accións pedagóxicas.
Implantación da educación para o consumo
Ao abeiro das recomendacións recollidas no Libro Branco realizouse un estudo sobre a implantación da educación para o consumo en 580 centros escolares de Galiza de distintos niveis de ensino. O conselleiro de Innovación e Industria destacou que, segundo as conclusións deste estudo, o grao de implantación da Educación para o consumo abrangue o 57% da poboación escolar, e evidenciou a carencia de recursos didácticos, falla de tempo ou incluso problemas de formación e motivación dos docentes.
Fernando Blanco avanzou as estratexias da Consellaría de Innovación e Industria para superar a situación, que se centran na información e motivación nos centros onde a Educación para o consumo está ausente; na formación e o reforzamento; e no mantemento e apoio a aqueles centros onde a implantación é satisfactoria. O conselleiro tamén salientou o impulso que supuxo ás actividades de educación do consumidor nos centros a creación da Escola Galega de Consumo, a través de programas estables de formación do profesorado e da Rede de Educación do Consumidor, da que forman parte 20 centros escolares galegos.
Asemade, o titular de Innovación e Industria destacou o reforzo das partidas orzamentarias para as actividades da Escola Galega de Consumo, á que a Consellaría destina medio millón de euros, con partidas para a Rede de Educación do consumidor, proxectos de ensino non universitario e outros proxectos e programas relacionados coa formación dos consumidores, alén das subvencións a organizacións de consumidores e OMICs para a realización de actividades de educación, que este ano suman 310.000 euros.
Rede de Educación do Consumidor E-Cons
Forman parte da Rede de Educación do Consumidor E-Cons as administracións de consumo e de educación, e as organizacións de consumidores e universidades de 19 países europeos. A rede E-CONS está integrada por 28 membros e 195 institucións colaboradoras de 19 países: Bélxica, Alemaña, Grecia, España, Francia, Italia, Luxemburgo, Portugal, Reino Unido, Bulgaria, República Checa, Chipre, Letonia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Eslovenia e República Eslovaca.
Os socios de E-CONS reúnense periodicamente en diferentes localidades para abordar aspectos técnicos organizándose a través de diferentes comisións específicas nas que se tratan en profundidade temas concretos. O Instituto Galego de Consumo, a través da Escola Galega de Consumo, ten unha participación activa na Comisión de Avaliación de Proxectos da rede. A seguinte reunión de E-CONS terá lugar en Roma, o vindeiro mes de outubro.
A finalidade do encontro, que desenvolverá ata o sábado distintas mesas de traballo, é impulsar a formación de consumidores conscientes, críticos, solidarios e comprometidos con seu contorno ambiental, coñecedores dos seus dereitos e que asuman as súas responsabilidades nunha Europa en proceso de cambio dentro de valores transversais. Os destinatarios das actividades da rede de educación do consumidor son os centros educativos non universitarios de toda Europa. O seu obxectivo é impulsar a participación activa do alumnado de idades comprendidas entre os 3 e 18 anos coa fin de mellorar a súa formación e autoprotección en tanto que son consumidores.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.