
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, co secretario xeral de UGT-Galicia, Antonio Gómez, co secretario xeral do S.N de CC.OO de Galicia, Xan Mª Castro, e co secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, un protocolo de colaboración entre a Consellería de Traballo e os axentes económicos e sociais galegos para o desenvolvemento de actividades formativas en materia de prevención de riscos laborais.
A través deste convenio levaranse a cabo diversas actividades divulgativas, tales como 67 xornadas técnicas e seminarios informativos cunha duración mínima de 6 e 5 horas respectivamente, 15 cursos básicos de prevención de riscos laborais de 30 horas de duración, 29 cursos básicos de prevención de riscos laborais cunha duración de 50 horas e 3 cursos de Técnico Superior de prevención de riscos laborais de 600 horas.
En total realizaranse máis de 4.000 horas de formación destinadas aos delegados de prevención, membros dos comités de seguridade e saúde, empresarios que asumen persoalmente a organización preventiva, traballadores designados e, en xeral, traballadores e empresarios de Galicia. Para a posta en marcha destas actividades, das cales se beneficiarán arredor de 3.460 traballadores, a Consellería de Traballo destinará 613.000 euros.
Ricardo Varela sinalou que un dos piares da acción de Goberno é a redución dos accidentes de traballo en Galicia, xa que a nosa comunidade duplica o seu peso nos accidentes mortais do Estado por riba do que lle correspondería polo seu número de afiliados, xa que mentres que o total de accidentes en Galicia representa o 5% do total do Estado, os mortais supoñen o 10%.
O titular de Traballo apelou á responsabilidade e ao traballo dos axentes económicos e sociais na planificación das estratexias na loita contra a sinistralidade, xa que eles son os destinatarios finais das políticas neste eido, e puxo como exemplo disto a creación dun organismo de participación institucional en materia de prevención de riscos no traballo, de composición paritaria e adscrito á Consellería, que está chamado a ser, segundo o conselleiro, o cerebro da seguridade laboral en Galicia.
O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, manifestou que o convenio asinado esta mañá trátase dunha actividade importante dado os altos índices de sinistralidade que rexistra Galicia, xa que a formación é unha das vías na loita contra os accidentes de traballo, e apuntou como outras vías a loita contra os altos índices de precariedade e temporalidade, que ás veces estás detrás dos accidentes laborais, e o control sobre o cumprimento da normativa en seguridade por parte das empresas.
Pola súa banda Xosé Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia valorou positivamente a promoción e o apoio á prevención de riscos que se está levando a cabo dende a Consellería, e apuntou un dobre obxectivo na loita contra sinistralidade, o obxectivo conxuntural que é o que se acada a través da formación e outro obxectivo máis permanente que sería o de instaurar na sociedade unha cultura preventiva.
O secretario xeral do S.N de CC.OO de Galicia, Xan Mª Castro mostrouse moi esperanzado no Diálogo Social que se está a desenvolver e que terá moito que dicir e moitas propostas que facer nesta materia.
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, agradeceu a colaboración da Consellería neste eido, e a confianza depositada nos axentes económicos e sociais, e apuntou que accións como esta son as que sensibilizan e transmiten a importancia da seguridade no traballo.
A folla de ruta na loita contra a sinistralidade laboral
O conselleiro de Traballo apuntou tres áreas fundamentais de traballo na loita contra a sinistralidade: a sensibilización, a formación e información e o control e vixilancia. Así, na consecución do primeiro destes tres obxectivos cómpre destacar o deseño de campañas de sensibilización e promoción da prevención, entre elas a destinada aos alumnos de educación primaria e secundaria.
Actuacións como a asinada hoxe en Santiago veñen cubrir as necesidades do segundo dos obxectivos apuntados por Varela. Por último, o reforzamento da función de vixilancia e control da prevención é outro dos eixes destas actuacións inmediatas que está a desenvolver a Consellería de Traballo, e se concreta coa dotación de máis efectivos da Inspección de Traballo e Seguridade Social para Galicia e coa habilitación dos técnicos de seguridade e saúde laboral en funcións de comprobación da inspección en materia de prevención. Nesta liña ademais tense intensificado a colaboración da Xunta co Ministerio Fiscal coa sinatura, o pasado 15 de maio dun protocolo de coordinación na procura de que existan fiscais especializados establecendo canles de cooperación recíproca, logrando así unha investigación eficaz e rápida dos delictos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores así como para a execución efectiva das sentencias condenatorias.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.