
Os lazos de colaboración entre Cuba e Galicia en materia audiovisual estreitáronse no decurso dunha xuntanza mantida en San Caetano entre o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, e o vicepresidente do Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos, Benigno Iglesias. O directivo do ICAIC, fillo dun galego de Ponteledesma, explicou o desexo do país caribeño de establecer con Galicia un vínculo que vaia máis aló de relacións esporádicas, xa que temos a vontade de iniciar unha relación que perdure no tempo. Á xuntanza tamén asistiron o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela; o director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo; o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias; e a secretaria técnica e executiva da Unidade Técnica de IBERMEDIA, Elena Vilardell.
Principais liñas de colaboración
O cine galego vestirase de gala na primeira quincena do mes de xaneiro do vindeiro ano para ser exhibido nas mellores salas de Cuba, como o Cine Chaplin, que conta cun aforo de 1.400 espectadores. A difusión da produción audiovisual galega será aderezada con pases noutra cidade da illa, aparte da Habana, que podería ser Matanzas ou Cienfuegos. Iglesias, na súa visita institucional á Xunta, presaxiou a gran acollida que o cine galego terá no país americano, non só pola calidade da obra galaica, senón tamén polo colorido que se pode ver nas nosas provincias cada vez que se organiza un acontecemento vencellado co cine.
Outra posibilidade que se está a barallar dende a Xunta é a de presentar unha produción galega ao Festival de La Habana, acto que reúne no mes de decembro de cada ano a máis de 400.000 visitantes. Este feito sería factible en caso de propor unha película con temática baseada en América Latina ou ben dunha coprodución galega e latino americana.
Ademais da difusión do cine de orixe galega, ratificouse o compromiso de revisar o cine producido en Cuba relacionado con Galicia e difundilo a través dun pequeno ciclo. Así, farase un repaso dos fondos da Cinemateca Cubana para articular esta mostra, na que se incluirá a exposición dun anuncio restaurado polo CGAI sobre unha festa de Galicia en La Polar (La Habana, c. 1954). Asimesmo, no marco da Cinemateca Cubana, levaranse a cabo outras actividades artísticas e culturais, que reforzarán a mostra da producción galega á illa americana.
Outra das liñas de colaboración que se impulsará ten que ver coa elaboración e sinatura dun acordo ou protocolo para a recuperación, por parte do ICAIC, de material histórico relacionado con Galicia. Benigno Iglesias asegurou que existe un amplo arquivo de material histórico deste tipo en Cuba, aínda que precisou que nalgúns casos se trata de material que precisa de restauración. Tanto as institucións cubanas como as galegas aseguraron que farán un gran esforzo para rescatar pezas que conseguiron un gran valor engadido co paso dos anos.
Realización do I Encontro Galego-Cubano de Produción Audiovisual
Tamén se impulsará a realización do I Encontro Galego-Cubano de Produción Audiovisual. Trátase dunhas xornadas que teñen como obxectivo procurar o coñecemento entre empresas e o achegamento a posibles proxectos de interese común, tanto de cine como de televisión. No marco deste encontro, daríanse a coñecer as liñas de axuda existentes e os compromisos institucionais arredor do cine e da televisión promovidos por Galicia e por Cuba. Incluirase a celebración do primeiro debate sobre a creación dun acordo para a coprodución.
Intercambio de programación de interese recíproco
Paralelamente aos actos que teñen que ver co campo cinematográfico, celebrarase un encontro entre a CRTVG e a Televisión Cubana co obxectivo de establecer un protocolo de colaboración para o intercambio de programación de interese recíproco. O ICAIC, que posúe unha ampla mostra de material documental e humorístico, mostrou a súa dispoñibilidade para o préstamo, feito que foi referendado pola institución galega para acometer o esforzo de enriquecer a oferta da televisión autonómica. Unha das máis valiosas obras que posúe o Instituto Cubano é a colección de documentais que fan o seguimento das máis grandes figuras musicais do país caribeño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.