Notas de prensa

A Xunta presenta a primeira oferta de mellora salarial para persoal funcionario e laboral da Administración Xeral

Trátase dun acordo plurianual que pretende unificar as condicións entre estes colectivos.

A Xunta de Galicia presentou a primeira oferta para mellora salarial que realiza o Goberno para persoal laboral e funcionario da Administración Xeral da Comunidade Autónoma. Esta oferta presentouse esta mañá nunha xuntanza mantida coa Mesa Sectorial de Negociación de Funcionarios e co Comité Intercentros de Persoal Laboral da Xunta.

Así, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atendendo ás demandas das distintas representacións dos empregados públicos, pretende chegar a un acordo retributivo plurianual que unifique condicións e sexa aplicable tanto ao persoal funcionario como ao laboral que non conta con acordos retributivos específicos, como sucede cos funcionarios docentes, o persoal ao servizo da Administración de Xustiza e o persoal que presta os seus servizos en institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Segundo o acordo proposto, a Xunta destinará en concepto de fondos adicionais un total do 1,05 % da masa salarial correspondente a persoal funcionario da Administración Xeral e ao persoal laboral dependente da Dirección Xeral da Función Pública, ao que lle é aplicable o réxime retributivo previsto na Lei 4/1988, da Función Pública de Galicia. Nos anos 2007, 2008 e 2009 o incremento será do 1%.

Durante o ano 2006, o complemento específico de tódolos funcionarios afectados (12.192 no ano 2006) incrementarase en 180 euros anuais, como primeira fase dun proceso real de valoración de postos de traballo a través do desenvolvemento de complementos específicos. Nos anos 2007, 2008 e 2009 o incremento xeral será de 90 euros cada ano (270 euros no período de 2007-2009).

As mesmas cantidades, en cómputo anual, serán de aplicación ao persoal laboral representado no Comité Intercentros (9.899 efectivos en 2006), a través do incremento do plus de funcións.

Programas de incentivación

As cantidades anuais sobrantes para cada ano serán destinadas para programas de incentivación ou valoración de postos de traballo e, en especial, para a adaptación dos complementos específicos ás circunstancias especiais do posto de traballo, e para o recoñecemento do complemento de singularidade de posto que retribúa as circunstancias de penosidade, toxicidade, perigosidade, ou outras semellantes, de acordo co que se estableza no Convenio Colectivo.

Nos últimos anos tense producido, por razóns de política económica xeral, unha contención xeral dos incrementos dos salarios dos empregados públicos, con establecemento de límites cuantitativos de crecemento nas Leis de Orzamentos do Estado, con carácter de normativa básica e de obrigado cumprimento polas distintas Administracións Públicas. Esta contención salarial ten sido tamén a tónica xeral no sector privado.

Segundo a estatística elaborada polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, o incremento medio salarial previsto nos convenios asinados no ano 2005 foi do 2,98%. No último dato publicado, referido ao mes de abril de 2006, a media de incremento sitúase nun 3,1%. O incremento real dos salarios dos empregados públicos en Galicia para o ano 2006 sitúase nun 3,5%.

Sen embargo, é posible establecer incrementos adicionais sobre o límite global fixado na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, sempre que as medidas se xustifiquen en programas de incremento da productividade ou de motivación vinculados ás características específicas do posto de traballo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2006-05-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES