
A titular de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, participou na inauguración da X reunión do Subcomité de Comercio Pesqueiro da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), que tivo lugar en Santiago de Compostela. A conselleira deu a benvida a Galicia aos participantes deste foro internacional que por primeira vez se celebra en España e que, dende
fai anos, vén traballando na procura dun desenvolvemento sostible da actividade pesqueira.
Gallego Calvar avogou na súa intervención por unha pesca responsable, algo
que non é posible sen o compromiso activo dos profesionais do sector.
Neste senso, fixo fincapé en que que Galicia é unha comunidade altamente
dependente da pesca, polo que a principal prioridade do departamento que
dirixe é a conservación dos recursos mariños. Tamén mencionou que dende o
novo Goberno galego se están poñendo en marcha iniciativas que buscan
favorecer a dinamización das comunidades costeiras ao redor de dúas areas
estratéxicas: o establecemento de prácticas de pesca sostible e a
diversificación económica, a través de actividades vinculadas ao mar tales
como a educación ambiental, a comercialización ou o turismo mariñeiro.
Segundo indicou Carmen Gallego estes proxectos xurden dun interese
colectivo e, aparte de optimizar a xestión da pesca, inciden de forma
sustancial na mellora da comercialización dos produtos pesqueiros. De
feito, engadiu, o desenvolvemento da pesca artesanal como actividade
respetuosa co medio mariño xenera emprego e aporta produtos de calidade.
Por outra banda, e dado o carácter internacional do encontro, a conselleira
lembrou que nestes intres a Xunta de Galicia promove 14 proxectos de
cooperación pesqueira en Arxentina, Brasil, Ecuador, Guatemala, Honduras,
Nicaragua, El Salvador, Perú e Namibia nos ámbitos da seguridade
alimentaria e a formación, a dotación de infraestruturas, o apoio á
comercialización, e o desenvolvemento sostible da actividade pesqueira e
acuícola. Neste senso, a Administración galega destina á pesca un 20% do
seu orzamento anual en materia de cooperación internacional.
Para destacar a importancia da industria da pesca na nosa comunidade en
relación con outros países, a conselleira sinalou que, segundo os datos do
Instituto Español de Comercio Exterior, Galicia importou no ano 2005 preto
de 595.00 toneladas de produtos do mar, cun importe superior aos 1.385
millóns de euros. No mesmo período, suliñou, as exportacións acadaron as
330.000 toneladas por un valor de máis de 833 millóns de euros.
Carmen Gallego finalizou a súa intervención na reunión da FAO reivindicando
o protagonismo que lle corresponde execer a este organismo no proceso de
desenvolvemento dun comercio pesqueiro responsable, que garanta a
protección dos consumidores e a aplicación de prácticas de comercio leais.
Cea de confraternidade
Dentro dos actos previstos con motivo da estancia en Galicia dos
participantes deste foro internacional, o Goberno galego ofrece unha cea de confraternidade, que está presidida pola conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos e conta coa presencia do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.