Notas de prensa

A Dirección Xeral para o Deporte comezará a asinar os convenios coas federacións

A dirección xeral subvencionará programas concretos de actuación. En total investiranse máis de catro millóns de euros nestas institucións deportivas.

A Dirección Xeral para o Deporte comeza a asinar os convenios de colaboración coas diferentes federacións deportivas galegas. Desta forma, iniciarase unha nova etapa no deporte galego, na que as subvencións se realizarán a programas de actuacións concretas, premiándose especialmente os proxectos que se centren nas liñas xerais de actuación da Dirección Xeral para o Deporte.

O obxectivo é “aumentar as axudas públicas destinadas ao fomento do deporte , así coma a introdución de elementos correctores que benefician aos clubs, ao deporte de base e a consolidación da canteira galega”. Desta forma, o apoio ao deporte base e o deporte feminino, aos sectores de discapacitados físicos ou psíquicos ou a tecnificación serán algúns dos principios que se valoran de forma especial por parte da Consellería de Cultura e Deporte. Para o deporte feminino, a Dirección Xeral para o Deporte destinará 1.000.000 euros, mentres que investirá 200.000 euros na campaña de integración de deportistas con minusvalías. Outros programas a desenvolver polas federacións son: programas de formación e tecnificación, seleccións galegas, comunicación e normalización do galego no deporte ou competicións deportivas oficiais.

Nestas últimas semanas, a Dirección Xeral para o Deporte estivo estudando as propostas realizadas polas federacións para desenvolver ao longo do presente ano e decidiuse como será o reparto dos máis de catro millóns de euros entre as 58 federacións deportivas galegas.

Sen dúbida ningunha este modelo significa un novo enfoque no reparto do diñeiro público, tal e como xa anticipou o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, cando accedeu a dito cargo público. O motivo polo que se cambia de modelo nas subvencións e se opta polos convenios individuais a cada unha das federacións é porque favorecen a atención individualizada das demandas de cada modalidade deportiva. Así mesmo, a execución dos programas favorecerá a adecuación e achega dos créditos económicos a execución orzamentaria de cada federación, establecéndose no caso de ser necesario a relación bianual en base aos períodos das tempadas deportivas. Os convenios contemplan a execución dun primeiro pago anticipado de ata un 50% dos importes económicos a aportar por parte da Dirección Xeral, para garantir unha execución planificada das actuacións federativas.

Máis axudas. Estas axudas ás federacións veñen a complementar as que se regulan a través da orde publicada no DOG do 27 de abril para as entidades sen ánimo de lucro e o desenvolvemento de actividades deportivas, que está dotada dun orzamento de 3.800.000 euros, polo que en total son case oito millóns de euros para o desenvolvemento de actividades ou programas deportivos no noso país.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, 2006-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES