Notas de prensa

A Consellería de Innovación destina 600.0000 euros á protección da propiedade industrial e da innovación

A dotación económica desta convocatoria duplica á do ano anterior e, con esta contía, a Consellería confía en atender todas as solicitudes.

A Consellería de Innovación e Industria vén de facer públicas a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras da concesión de axudas para o Fomento da Propiedade Industrial. O obxectivo desta convocatoria é pór a disposición das empresas galegas un orzamento dirixido a sufragar parte dos custos derivados da protección e utilización do sistema de propiedade industrial, garantíndolles deste xeito os recursos necesarios para acceder á plena explotación da súa capacidade innovadora e creativa.

O crédito dispoñible para estas axudas ascende a 600 mil euros, o dobre que no ano 2005, e poderán beneficiarse del tanto as microempresas como as pequenas e medianas empresas (PEMES) que teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros produtivos en Galicia. Polo que respecta ás grandes empresas, poderán solicitar axuda para aqueles gastos que veñan derivados soamente da extensión territorial de títulos existentes sobre invencións (patentes ou modelos de utilidade).

BENEFICIOS DA PROTECCIÓN DA PROPIEDADE INDUSTRIAL

A propiedade industrial é un conxunto de dereitos exclusivos que protexen tanto a actividade innovadora -manifestada en novos produtos, novos procedementos ou novos deseños industriais-, como a actividade mercantil -mediante a identificación en exclusiva de produtos ou servizos ofrecidos no mercado-. Os títulos de propiedade industrial outorgan ao seu titular, durante un período de tempo razonable, un dereito exclusivo de explotación ou utilización do elemento protexido, permitíndolle desa forma rendibilizar os esforzos que se dedicaron ao desenvolvemento de novas invencións ou deseños ou á consecución do recoñecemento polo mercado dos signos distintivos que identifican á súa empresa.Estes dereitos de exclusividade agrúpanse en tres modalidades de propiedade industrial: Innovacións técnicas ou invencións, Innovacións de deseño ou creacións de forma e Signos distintivos.

Os beneficios da protección da propiedade industrial das empresas repercuten na súa competitividade de distintas maneiras. Así, a protección axúdalles a: impedir que os competidores copien ou imiten os productos ou servizos dunha empresa, evitar investimentos antieconómicos en actividades de I+D e comercialización, negociar licenzas, franquicias ou outros acordos contractuais baseados en propiedade industrial e mellorar o acceso a fontes de financiamento, crear unha identidade grazas a unha estratexia baseada en marcas rexistradas, introducirse en novos mercados, etc.

A través desta liña de axudas dedicada ao fomento da propiedade industrial, a Consellería de Innovación e Industria pretende equiparar a actividade rexistral do tecido empresarial galego coa do resto do Estado e, deste xeito, mellorar tamén as súas condicións de competitividade. A participación porcentual galega na actividade rexistral no conxunto do Estado español sitúase no 4,40% en 2004 –ocupando o sexto posto entre as comunidades autónomas- e, canto ao número de solicitudes por millón de habitantes, atópase en 1.043, -o que significa que, en comparación co resto de Comunidades Autónomas, que Galicia ocupa o posto 10º. Non obstante, Galicia segue a sufrir unha desviación importante respecto da media estatal, que se atopa en 1.566.

PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN RESPECTANDO A ORDE DE ENTRADA

Os conceptos que son obxecto de apoio no ámbito desta orde son a solicitude, o mantemento, a inscrición de transmisións e a análise de rexistrabilidade de títulos de propiedade industrial. A axuda a conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será do 70% dos gastos subvencionables, no caso das Pemes, e do 60% dos gastos subvencionables, no caso de grandes empresas. Non obstante, a suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de ter presentado unha ou varias solicitudes ao abeiro desta orde, non poderá superar os 36 mil euros. Así mesmo, o importe da axuda concedida non poderá exceder, xunto coas demáis axudas outorgadas ao beneficiario no último período de tres anos, o límite de 100 mil euros.

A concesión das axudas efectuarase respectando a orde de entrada das solicitudes e até esgotar o crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas ven xustificado polo feito de que os procedementos de obtención de protección xurídica das creacións intelectuais son, en si mesmos, procedementos de concorrencia competitiva. Así mesmo, a convocatoria deste ano dispón dun crédito sensiblemente superior ao da convocatoria anterior, unha realidade que debería garantir, segundo as previsións que manexa a Consellería de Innovación e Industria, a concesión da axuda á totalidade das solicitudes que se presenten.

O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá venres, 26 de maio, e remata o día 30 de novembro (inclusive), salvo esgotamento do crédito dispoñible. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través das páxinas web da Dirección Xeral de I+D+i (www.dxid.org) e do Servicio Galego de Propiedade Industrial (www.segapi.org).

As compañías que desexen participar na convocatoria deben presentar a solicitude oficial acompañada da seguinte documentación, que haberá de ser orixinal ou copia compulsada: CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de ser un empresario individual; documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI; declaración de axudas obtidas ou solicitadas, para os mesmos gastos, en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado; declaración de axudas amparadas pola cláusula de mínimis, obtidas ou solicitadas durante os últimos tres anos, en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento da subvención, certificados acreditativos de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias e estatais coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración pública galega e toda a documentación xustificativa dos gastos –cadro de gastos, xustificantes de realización e pagamento de gastos-.

Toda a información sobre estas convocatorias atópase recollida nas páxinas web da Dirección Xeral de I+D+i (www.dxid.org) e do SEGAPI (www.segapi.org).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES