Notas de prensa

O futuro Valedor do Emigrnate terá entre as súas responsabilidades a elaboración dun informe anual sobre a situación dos galegos do exterior

O secretario xeral de Emigración participou en Frankfurt na reunión Anual da Coordinadora Federal de Asociacións Galegas de Alemaña.

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, participou na reunión anual da Coordinadora Federal de Asociacións Galegas de Alemaña, que seguiu un acto no que participaron preto de mil persoas, e ante as que o responsable do departamento de Emigración do Goberno galego asegurou que os principais cambios que se van acometer na presente lexislatura na política da Xunta veñen dados porque “os propios emigrantes galegos demandaban reformas”. Rodríguez sinalou que os cambios, que se executarán de “xeito tranquilo e sereno”, resultan “necesarios para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia”.

A que será “a lexislatura da emigración” caracterizarase por tres compromisos fundamentais na política de recoñecemento de dereitos e deberes dos galegos e galegas residentes no exterior. A reforma da Lei da Galeguidade, sinalou o secretario xeral, quere representar o compromiso de outorgar “a galeguidade non só aos centros senón tamén as persoas”, pois son estas, á fin, “as que transmiten a lingua, a cultura e a nosa tradición”.

O segundo compromiso ao que fixo referencia Manuel Luís Rodríguez en Frankfurt foi a futura creación da figura do Valedor do Emigrante, que comisionado polo Parlamento, será “a voz dos galegos e galegas no exterior cando vexan menoscabados os seus dereitos”. A este propósito, adiantou que o futuro Valedor terá entre as súas responsabilidades “a elaboración anual dun informe que dea conta da situación real dos galegos no exterior atendendo a todos os países que acollen poboación de orixe galega”.

Un trato igualitario e digno

O secretario xeral manifestou que o seu departamento asume como terceiro grande compromiso o cambio no trato dispensado pola administración autonómica aos emigrantes. Agora “apóstase por un trato institucional, digno e igualitario fronte ao trato paternalista e electoralista de tempos pasados”. O futuro que se abre ante Galicia “quere contar como nunca antes cos galegos que residen fóra do comunidade” e que “contribúen dende fai décadas a facer país”. A todos eles, Rodríguez quixo agradecer a contribución ao desenvolvemento de Galicia prestada ata agora, e “a entrega que seguirán amosando para conseguir unha Galicia máis moderna, dinámica e con proxección nun mundo globalizado e altamente competitivo”.

“O país”, sinalou o responsable da política de emigración dirixíndose aos máis de mil galegos presentes no acto, “ten unha débeda contraída con vós”, e a tratar de paliala quere contribuír o Plan Estratéxico de Emigración 2006-2009, o primeiro destas características posto en marcha por un goberno galego, que será presentado en agosto ante o Consello de Comunidades Galegas e que perseguirá, como fin última, “o recoñecemento de facto da plena cidadanía aos galegos e galegas do exterior en tódolos eidos”.

Renovación do tecido asociativo

Rodríguez, dirixíndose especificamente aos emigrantes galegos en Alemaña, animou ás segundas e terceiras xeracións a involucrarse no tecido asociativo, de xeito que o posible efecto do retorno a Galicia non provoque un declive da actividade social e cultural dos centros galegos no país xermánico. Nese sento, tamén animou ás actuais directivas a ter en conta a opinión dás novas xeracións e a facilitar a súa implicación na xestión do funcionamento dos centros.

Co acto celebrado en Frankfurt o secretario xeral de Emigración deu por finalizada a súa viaxe a Alemaña, onde seguiu un periplo que o levou por Hannover, Munich e Hamburgo, cidades nas que tivo ocasión de reunirse con diferentes responsables de entidades galegas para escoitar as súas propostas así como para darlles a coñecer os plans inmediatos do novo Goberno galego en materia de emigración.

Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia, 2006-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES