Notas de prensa

Varela apela á cooperación entre Administración, patronal e sindicatos para reducir as cifras de accidentes laborais

No ano 2005 Galicia rexistrou un total de 48.040 sinistros con baixa laboral durante a xornada de traballo, dos cales 103 tiveron resultado de morte. No sector da construción naval o total de sinistros ascendeu a 1.611 e foron catro os traballadores que perderon a vida no seu posto de traballo.

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, inaugurou o I Foro de Prevención do Naval, organizado pola Asociación do Clúster do Naval Galego, que se desenvolveu no Salón de Actos do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI).

Na súa intervención Ricardo Varela asegurou que para o departamento que dirixe, consciente de que a sinistralidade é un dos problemas máis graves que ten o mundo laboral en Galicia, é un “reto intentar reducir as cifras que sufre a nosa comunidade autónoma”. Nese senso, “traballarase sumando esforzos entre a Administración (laboral, sanitaria e industrial), os empresarios e os sindicatos, creando un organismo real de participación institucional que orquestre as políticas de seguridade e saúde laboral de Galicia. No proceso do Diálogo Social, antes do verán, será unha realidade o anteproxecto de lei consensuado por todos”, afirmou o responsable de Traballo.

Varela definiu o sector do naval como “un dos sectores clave da nosa economía tanto no relacionado co volume de empregos directos e indirectos que xera, como polo seu valor engadido que aporta ao conxunto de Galicia”. A modificación da súa estructura empresarial supón a descentralización productiva coa incorporación de contratas e subcontratas que xunto co incremento da temporalidade na contratación leva a este sector a acadar unhas taxas de sinistralidade insoportables.

Para verificar esta afirmación, o responsable de Traballo explicou que no ano 2005 houbo 1.611 accidentes de traballo neste sector, 13 dos cales foron graves e 4 tiveron resultado de morte. Ao abeiro destas cifras pódese concluír que o índice de incidencia de accidentes laborais no sector da construción naval é catro veces maior que a media de Galicia. Proba disto é que mentres que os afiliados neste sector representan o 0,9% do total de Galicia, os accidentes laborais que se rexistraron na construción naval supuxeron o 3,3% do total de sinistros, e os mortos chegaron ata o 4,2%. O responsable de Traballo vinculou estas cifras coa baixa taxa de estabilidade deste sector, e neste sentido manifestou o seu desexo de que o recentemente asinado convenio colectivo mellore a estabilidade e reduza a rotación dos traballadores, para contribuír así ao descenso da sinistralidade.

à espera dos froitos do proceso do Diálogo Social en Galicia, o conselleiro recoñeceu que o seu departamento non pode quedar de brazos cruzados, polo que está a desenvolver outras medidas que se están a levar cabo na loita contra a sinistralidade, entre as que destacou as accións formativas de prevención en diferentes sectores de actividade tanto a través dos gabinetes provinciais de Traballo como da colaboración cos axentes sociais, organizacións e institucións que serven de canle para espallar a actividade formativa. Así mesmo, a Consellería porá en marcha Plans de actuación concretos nos sectores da pesca, construción, agrogandeiría e forestal, siderometal e naval.

O conselleiro recordou que o Ministerio ven de conceder sete novos efectivos da Inspección de Traballo e Seguridade Social para Galicia, cinco dos cales están asignados á provincia de Pontevedra e dous á de Ourense. O obxectivo é reforzar a función de vixilancia e control da prevención para o cal se levará a cabo ademais a habilitación dos técnicos de seguridade e saúde laboral en funcións de comprobación da inspección en materia de prevención.

Ademais hai que engadir, sinalou Varela, “a elaboración do Plan Estratéxico para a prevención de Riscos Laborais en Galicia que se presentará como proposta na Mesa do Diálogo Social que trata esta materia, para que sexa acordado e concretado cos axentes sociais como ferramenta útil de todos na loita contra a sinistralidade”.

O responsable de Traballo quixo pechar a súa intervención asegurando que o novo impulso que está a experimentar o sector naval esixe persoal cada vez máis cualificado, polo que “a Consellería ten previsto unha serie de actuacións centradas na formación de persoal ao tempo que pretendemos reducir as desigualdades de xénero neste sector”, apuntou Varela.

Os accidentes laborais en Galicia

No ano 2005 en Galicia rexistráronse un total de 48.040 accidentes de traballo con baixa durante a xornada laboral, dos cales 103 tiveron resultado de morte. Os accidentes leves de Galicia representan o 5,2% do total do Estado no 2005, os graves supoñen o 10,2% e os mortais o 10,4%.

Ricardo Varela sinalou a temporalidade na contratación como unha das razóns fundamentais que se sitúan detrás dos accidentes de traballo. Así, mentres 40 de cada 1.000 traballadores con contrato indefinido sufriu un accidente laboral con baixa o pasado ano, os traballadores con contrato temporal que o sufriron foron 92 de cada 1.000, é dicir, “os traballadores temporais sofren o 55% dos accidentes con baixa na xornada de traballo, un 60% máis do que polo seu peso lles correspondería. Nese senso, pódese dicir que por cada accidente con baixa que sofre un traballador con relación estable, hai 2,3 accidentes de traballadores con contrato temporal”, manifestou Varela.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES