
Os clubs ciclistas galegos manifestaron a seu apoio á creación do equipo galego profesional de ciclismo Karpin Galicia, porque consideran que é unha grande iniciativa para tirar do ciclismo de base. O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, reuniuse hoxe cos dirixentes do ciclismo galego para informarlles sobre os pasos dados de cara a poñer en marcha o equipo Karpin Galicia, que será presentado en sociedade o próximo venres 26 de maio no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela (20h).
Na dita reunión, o responsábel do deporte galego explicou que o obxectivo fundamental do equipo é dar saída á base do ciclismo galego, así coma ofrecer posibilidades para aqueles deportistas que despuntan xa que nestes momentos os ciclistas teñen que emigrar. O instrumento elixido para poñer en marcha o equipo galego é unha Fundación (Fundación Ciclismo Galego), porque nos estatutos estableceremos que un dos obxectivos fundamentais da Fundación será o impulso ao ciclismo de base galego, e ademais garantiremos a transparencia na súa xestión. Santiago Domínguez tamén anunciou que se traballará de cara a conseguir que a Fundación sexa declarada fundación de interese galego, para así conseguir que os patrocinadores poidan desgravar parte das súas aportacións.
O director xeral indicou que a xunta directiva do equipo, recentemente creada, decidiu que o Karpin Galicia buscará a colaboración cos clubs galegos a través da sinatura de convenios a fin de cederlles o seu asesoramento, poñer á súa disposición os seus instrumentos e doar material deportivo. Tamén se estuda a creación dunha tarxeta de socio amigo ao club Karpin Galicia, que terá un custo pero á súa vez unha serie de vantaxes (descontos nas tendas, sorteos, etc), que serían especiais para os socios procedentes dos clubs de ciclismo.
Por último, no debate posterior á exposición do director xeral, os dirixentes aportaron unha serie de propostas que serán trasladadas por Santiago Domínguez á xunta directiva para o seu estudo e posterior aprobación se procede
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.