
O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, remarcou o compromiso da Xunta de Galicia coa cultura do emprendemento e da innovación, sobre a que, aseverou, se debe construír o futuro de Galicia. Por elo, o presidente fixo un chamamento ás institucións da comunidade e á sociedade para apoiar con xenerosidade e con visión de futuro o traballo dos emprendedores. Un país moderno, que quere gañar o seu futuro como Galicia, e construílo coa xente nova, coa nosa mocidade, ten que cambiar a cultura da pasividade e a subvención indiscriminada pola cultura da innovación, o emprendemento e o risco, manifestou.
O máximo mandatario galego fixo estas declaracións durante a súa intervención na sesión plenaria do IGAPE celebrada con motivo do Día Galego do Emprendedor, iniciativa posta en marcha polo Goberno autonómico este ano co obxectivo de expresar o apoio e o recoñecemento da Xunta aos proxectos emprendedores que se xeren na Comunidade Autónoma. Touriño tivo palabras de eloxio para a valentía dos emprendedores e animounos a continuar afrontando riscos para construír non só o seu propio futuro, senón o de Galicia.
Tal e como sinalou o presidente, a Xunta está a traballar xa, fundamentalmente a través do IGAPE e de BIC-Galicia, no apoio aos proxectos emprendedores. Así, puxéronse en marcha unha serie de medidas de índole financeira para apoiar este tipo de proxectos, particularmente aqueles de carácter socioeconómico relevante. Entre estas medidas, destaca o establecemento de microcréditos de ata 25.000 euros, a 5 anos, e cun tipo de xuro do 2,5 por cento sen máis aval que o proxecto. Segundo destacou Touriño, a Xunta ten recibido desde 2005 e ata mediados deste mes solicitudes por valor dun importe superior aos 58 millóns de euros, ao abeiro liña de microcréditos.
Ademais, a Xunta proporciona axudas a fondo perdido, de ata un 50 por cento, dos gastos subvencionables deste tipo de proxectos e establece préstamos directos, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, de entre 5.000 e 600.000 euros, en condicións vantaxosas, destinados a emprendedores.
Paralelamente, a Xunta apoia estes proxectos a través do Fondo Emprende de capital risco, destinado a novas empresas ou proxectos de carácter innovador.
Formación e asesoramento
O presidente da Xunta destacou que ademais do soporte financeiro a emprendedores, destaca o amplo e especializado abano de recursos de formación e asesoramento para promover a cultura do emprendemento, impulsando o desenvolvemento e a implantación de novas actividades empresariais.
Emilio Pérez Touriño quixo, ademais, aproveitar a súa intervención no marco deste I Día Galego do Emprendedor para facer un chamamento especial ás empresas innovadoras e de base científica tecnolóxica, pois considera que o coñecemento é o novo activo que pode axudar ás empresas e aos países na mellora da súa competitividade.
Fondo Tecnolóxico da UE
Nesa liña, o presidente lembrou que Galicia vai recibir 360 millóns de euros procedentes do Fondo Tecnolóxico da UE que deben servir, asegurou, para incorporar a comunidade autónoma ao triángulo do coñecemento conformado pola educación, a investigación e a innovación, elementos fundamentais da nosa estratexia económica para o impulso da produtividade e o crecemento. Segundo apreciou o máximo mandatario galego, a asignación deste fondo tecnolóxico abre unha oportunidade estratéxica e histórica para todas as empresas galegas e, en particular, para os emprendedores, que se beneficiarán dos recursos procedentes do Fondo Tecnolóxico. Nunca faltará o compromiso, o alento da Xunta de Galicia a un proxecto innovador que aporte futuro ao país e aos seus promotores, garantiu.
Os actos do I Día Galego do Emprendedor continúan coa constitución do Foro Galego do Emprendemento, que nace como un espazo vivo para a discusión de problemas e o intercambio de experiencias e como un espazo para a colaboración dos emprendedores entre si e coa administración co obxectivo de acadar unha atención máis completa e eficiente aos novos emprendedores.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.