Notas de prensa

La Fritanga e Soak son os cabezas de cartel no Festival Directo Xove 06

A Concellería de Xuventude pecha tres meses de actuacións con dous concertos onde tamén tocan as bandas locais.

O Concelleiro de Xuventude do Concello de Cangas (Pontevedra), José Luis Gestido Porto, anunciou que os grupos La Fritanga e Soak son os cabezas de cartel no Festival Directo Xove 06, dúas xornadas musicais que pechan o programa municipal tras tres meses de actuacións na vila. Os concertos celebraranse os días 23 e 24 de xuño en Rodeira (Cangas) a partir das 21.30 horas con entrada de balde, e neles tocarán tamén as bandas locais que participan no proxecto.

A música tradicional de Ludovaina inaugura o Festival Directo Xove 06 na máxica noite de San Xoán, para dar paso despois ó rock de Jit! é ó punk-rock con Éxodo. O pop de Lavorda marca o ecuador desta primeira xornada en Rodeira, para continuar co pop rock de Estado Puro. A última formación local en actuar será Dos Pelos Negros, grupo que o pasado verán teloneou os murcianos M-Clan na anterior edición do Directo Xove. Xa de madrugada chegará o plato forte do día, os eclécticos La Fritanga, que da man da Concellería de Xuventude traen dende Madrid ata Cangas as súas letras reivindicativas e variados ritmos.

Fly Bronze Lines abre as actuacións do día 24 de xuño co seu rock alternativo. Tomaralle o relevo o rock de Dátrebil, antes de que chegue Thunn! cunha singular mestura de funk e metal. O punk rock protagonizará a segunda metade da noite, con Malas Pulgas, os veteranos Soak e con Fíjado Korroído como peche do Festival Directo Xove 06.

La Fritanga, “un plato tradicional e novidoso”

La Fritanga autodéfinese coma “un produto do Madrid actual” que “nace a partir da mestura de ritmos diferentes e aparentemente distantes, pero co común denominador do rítmico e o sabroso”. Deste xeito, nos seus temas pódense atopar dende o ska, o reggae, o balcanic ou o rock ata estilos afrolatinoamericanos coma a salsa, o guaguancó, o merenque ou a cumbia.

As letras reivindicativas da Fritanga –“un plato tradicional e novidoso á vez”- falan do mundo no que vivimos, e nelas o grupo “busca plasmar a súa opinión, expresar o seu descontento, elevar o seu berro, propoñer a súa alternativa” a través da música.

En pouco máis dun ano de andaina, La Fritanga ten levado polos escenarios de toda España o seu potente e divertido show, que agora o Concello de Cangas trae ata a comarca do Morrazo. Os oito compoñentes da banda contan con ampla experiencia a bordo de diferentes proxectos, que os levaron a compartir táboas con artistas da talla de Bebe, Dusminguet, Amparanoia, Hijas del Sol, Macaco ou Sargento García.

La Fritanga tamén ten traballado en estudio durante o último ano. O grupo autoproduciu as súas dúas primeiras maquetas e xa compuso cancións como para gravar dous discos.

Soak, punk rock “korrosivo”

Banda senlleira no panorama do punk rock galego e “mítica” para a península morracense, Soak chegará ó Festival Directo Xove 06 nun momento álxido mentres prepara o seu terceiro traballo discográfico. O grupo naceu hai 17 anos baixo as siglas Kaos e entende os concertos coma “unha festa para a provocación, a axitación e a rebeldía”. Por iso as súas letras están cargadas de contido social, xerando tanta polémica coma aceptación alá por onde pasan.

Dende que en 1992 gravara o maxi single ‘Aki non se rinde ninguen’, Soak ten participado co seu punk rock “korrosivo” en diferentes recopilatorios coma o ‘Unión Bravú’, o primeiro tributo a Eskorbuto e, en datas recentes, ‘Pola defensa do litoral’. Co título ‘Kaos’, no 2003 viu a luz o seu primeiro traballo en solitario, que conten “trece bofetadas á sociedade”, e no ano seguinte publicaron ‘Banda armada’.

Soak atópase percorrendo na actualidade coa súa “deskarga furtiva” os escenarios de toda Galicia con Skacha e Tiro na Testa. Axiña sairá á venda ó cd+dvd que os tres grupos gravaron en directo na sala Nasa de Compostela.

Disco cos temas das bandas locais

O proxecto Directo Xove 06 inclúe a próxima edición dun disco cun tema de cada banda local participante. Tiraranse 1.000 copias do cd, co obxectivo de promocionar os grupos dando a coñecer a súa música.

Un total de 12 formacións canguesas veñen actuando cada venres dende o 24 de marzo e ata o vindeiro día 9 de xuño en distintos establecementos do municipio, dentro do programa Directo Xove 06 impulsado pola Concellería de Xuventude, que dirixe José Luis Gestido.

Toda a información sobre este proxecto de dinamización musical está dispoñible no enderezo web www.directoxove.com.

Gabinete Saraiba Produccións, 2006-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES