
Alumnos do CEIP Mestre Rivera Casás de San Cibrao e dos IES O Couto de Ourense e Antón Losada Diéguez da Estrada recibiron en Santiago os premios que os acreditan como gañadores da fase autonómica do concurso sobre consumo responsábel Consumópolis, organizado polo Instituto Galego de Consumo, organismo autónomo da Consellaría de Innovación e Industria, e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, acompañado das directoras xerais de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, e Comercio e Consumo, Ana Rúa, e da xerente do Instituto Galego de Consumo, María Xosé Teixeiro, presidiu a entrega de premios do concurso que se celebrou hoxe na Escola Galega de Consumo.
Consumópolis certame dirixido a escolares de idade comprendida entre 10 e 16 anos e promovido en primeira instancia polo Ministerio de Sanidade e Consumo a través do Instituto Nacional de Consumo ten como obxectivo a divulgación, entre os máis novos, de hábitos de consumo reflexivo, saudable e crítico, que teñan en conta o respecto ao contorno ambiental e ao noso contorno social, fomentando daquela a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo. Segundo destacou Fernando Blanco, esta actividade lúdica pretende contribuír á formación de consumidores conscientes, solidarios e responsábeis para o que é preciso seguir apuntou as catro C: Coñecer, comprender, comparar e consumir. O conselleiro de Innovación e Industria agradeceu o esforzo dos alumnos e tamén dos centros participantes e do seu profesorado, que consegue que dentro da aula se traballe e se reflexione sobre os aspectos do consumo de forma crítica.
O concurso desenvolveuse en dúas fases: unha primeira na modalidade on-line, competindo con centros educativos de todo o Estado, e unha segunda centrada na elaboración dun xogo de mesa. En total participaron 23 centros de toda Galiza en equipos de traballo que aglutinaron a 350 alumnos e que deron lugar na segunda fase do concurso a 22 xogos de mesa presentados. O equipo do CEIP Mestre Rivera Casás obtivo o primeiro premio na categoría de Terceiro Ciclo de Educación Primaria, mentres que o IES O Couto fíxoo na de Primeiro Ciclo de ESO e o IES Antón Losada Diéguez, na de Segundo Ciclo de ESO. Os tres centros foron premiados con 1.000 euros cada un e os seus traballos representan a Galiza na fase estatal que se celebra en Madrid. O xurado recoñeceu tamén ao IES O Couto co segundo e terceiro premios na categoría de 1º ciclo de ESO, e ao IES San Rosendo co terceiro premio na de 2º ciclo de ESO, categoría esta última na que o segundo premio foi declarado deserto. A contía dos segundos premios foi de 600 euros e a dos terceiros, de 300.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.