
Coordenar esforzos e actuacións para prestar aos emprendedores unha atención máis completa e eficiente é un dos obxectivos fundamentais do Foro Galego do Emprendemento, que foi presentado en rolda de prensa polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio. A posta en marcha desta iniciativa -que fora anunciada polo propio Conselleiro o pasado mes de decembro- enmárcase dentro dunha estratexia orientada a dinamizar a cultura emprendedora e ao impulso da creación de novas empresas, innovadoras e tecnolóxicamente avanzadas. O fin último, segundo lembrou o conselleiro, consiste en incrementar a produtividade, a competitividade e a creación de emprego en Galicia.
Impulsado e dinamizado polo Igape, o Foro Galego do Emprendemento conta xa con máis de cen persoas que representan a sesenta institucións, entidades, asociacións e organismos intermedios que traballan na formación, asesoramento, prestación de ferramentas e servizos ou concesión de apoios aos emprendedores. O Foro celebra a súa primeira sesión plenaria o martes, día 23, nun acto complementario aos previstos con motivo do I Día do Emprendedor de Galicia.
Segundo explicou o conselleiro de Economía, o Foro é un espazo sempre dispoñible para presentar problemas, procurar colaboracións e localizar solucións destinadas a facilitar unha atención máis completa e eficiente ós novos emprendedores. Segundo destacou Fernández Antonio, o Foro basease nas novas tecnoloxías para procurar unha interacción constante e acadar así unha maior axilidade nas relacións entre os membros e na procura das solucións para o colectivo dos emprendedores. Segundo dixo, tamén é un espazo de innovación a partir do traballo en común, de unión e complementariedade de esforzos para prestar mellores servizos e apoios, para a detección de ocos ou baleiros por cubrir na cadea de apoio ao emprendemento.
Apoiados na rede global, e a través do portal www.emprenderengalicia.org, os membros do Foro comezaron xa o seu os traballos preliminares de desenvolvemento da iniciativa. Mediante os mecanismos de colaboración establecidos, os integrantes do Foro decidiron e priorizaron os labores que desenvolverá durante o presente ano; tarefas como a identificación e avaliación dos mecanismos de apoio e financiamento existentes, a definición de ferramentas para a identificación unívoca de proxectos emprendedores ou a análise da mortandade empresarial, entre outros asuntos.
O responsable de Economía salientou que o impulso de novas empresas e proxectos innovadores que xeren emprego de calidade é un obxectivo primordial da estratexia económica do Goberno galego, e engadiu que coa posta en marcha do Foro do Emprendemento dase un paso adiante máis nunha liña que tamén ten nas novas tecnoloxías e nas estratexias de cooperación outros dos seus elementos fundamentais. Segundo o conselleiro, esta ferramenta ven sumarse a outros apoios e servizos de que dispón a Xunta de Galicia para favorecer a creación e a consolidación de novas empresas, por exemplo a través do Igape, BIC Galicia e XesGalicia.
I Día do Emprendedor
O conselleiro de Economía informou tamén sobre os contidos do I Día do Emprendedor, que se desenvolve o día 23 de maio no Pazo de Congresos de Santiago e no que está confirmada a participación de máis dun millar de persoas. Promovido polo Ministerio de Industria como evento que se está a desenvolver en todas as autonomías do Estado, O Día do Emprendedor está organizado polo Igape e BIC Galicia, coa colaboración das consellerías de Economía, Innovación, Educación, Traballo e Medio Rural, así como da Confederación de Empresarios de Galicia e do Consello Galego de Cámaras de Comercio.
O Día do Emprendedor é unha xornada adicada a persoas emprendedoras, e ten como principal obxectivo o fomento da cultura do emprendemento empresarial. Este obxectivo inclúese entre as prioridades da política económica do Goberno galego, que persegue a dinamización da actividade económica como vía para a creación de emprego e o impulso da competitividade, a produtividade e a internacionalización. O primeiro Dia do Emprendedor inclúe un completo programa de actividades que se agrupan en nove bloques temáticos nos que se desenvolverán relatorios e mesas redondas sobre asuntos como as novas oportunidades de negocio, o financiamento de proxectos, a innovación no emprendemento ou o crecemento e a consolidación empresarial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.