Notas de prensa

A Fundación Galicia Europa en Bruxelas súmase á celebración do Día das Letras Galegas

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, pronuncia na capital belga unha ponencia titulada “Reflexións sobre a Galicia actual”. A secretaria xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán, presenta o libro “Polifonías”.

A Fundación Galicia Europa en Bruxelas súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha programación de actos para achegar a lingua, a literatura e a cultura galega á capital belga neste día de conmemoración, dedicado este ano ao histórico galeguista Manuel Lugrís Freire.

Dentro das actividades organizadas e coas que colabora a Fundación para a xornada do 17 de maio destaca a conferencia que o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, pronuncia na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas para achegar aos cidadáns europeos algunhas “Reflexións sobre a Galicia actual”.

Ramón Villares tamén será o encargado de impartir o Seminario sobre Galicia dentro do ciclo de conferencias para os profesores belgas de que ensinan idioma español organizado de xeito conxunto coa Consellería de Educación da Embaixada de España en Bruxelas e a Fundación Galicia Europa. Este encontro terá lugar ao longo da tarde na sede da Fundación e nel se abordará a realidade de Galicia como unha cultura de Occidente a través da súa unidade e diversidade no espazo, os xeitos de asentamento sobre o territorio, a relación coa cultura europea románica, o esplendor barroco, o papel dos pazos e mosteiros, o rexurdimento cultural e afirmación rexional ata chegar á época autonómica actual.

Presentación do libro Polifonías

Este mesmo día, a secretaria xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán, presentará o libro “Polifonías”, nun acto que se celebrará na Librería Orfeu de Bruxelas. Esta obra, editada pola Xunta de Galicia, recolle versos de poetas galegas contra a violencia de xénero.

Contra o final da xornada, terá lugar unha cea-coloquio á que asistirán a secretaria xeral de Igualdade e mailo Presidente do Consello da Cultura Galega. Este encontro estará aberto ao público que queira participar, previa confirmación da súa asistencia.

A programación de actos para celebrar o Día das Letras Galegas en Bruxelas comezou o pasado venres coa ponencia de Pilar García Negro “A lingua galega, elemento esencial do ser galego”, na Librería Orfeu, na capital belga.

Proxección exterior da cultura galega

A Fundación Galicia Europa traballa dende hai nove anos para contribuír á formación europea de mozos e profesionais galegos, difundir información de interese para a sociedade galega sobre a Unión Europea, canalizar a xestión de intereses galegos en Europa e promover a cultura e a economía da nosa Comunidade Autónoma no ámbito europeo. Trátase de apoiar o desenvolvemento e a proxección exterior de Galicia en todos nos diversos ámbitos, nos que a cultura é un elemento prioritario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES