
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación, o Consorcio Audiovisual de Galicia e o Seminario Galego de Educación para a Paz poñen a disposición dos centros educativos filmes e guías didácticas en galego. A iniciativa forma parte das actividades programadas con motivo do Día das Letras Galegas.
As películas P3K: Pinocho 3000 e Heroína de Gerardo Herrero, coas súas respectivas guías didácticas , serán distribuídas gratuitamente a todos os colexios e institutos públicos e privados de Galicia. O proxecto Cine para convivir persegue que os centros educativos promovan a alfabetización audiovisual, ademais dunha educación para a convivencia e a cidadanía democrática; aspectos nos que segundo apuntou a secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, a lingua xoga un papel clave.
López explicou que, dado que o cine constitúe unha das industrias culturais con maior poder de difusión, actividades coma esta serán prioritarias á hora de promover o uso do galego nas aulas.
As guías que acompañan estes filmes levan unha ficha técnica e unha sipnose argumental para apoiar o traballo dos docentes nas aulas. Na presentación do material, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, referiuse ao audiovisual como un sector estratéxico, motivo polo que as institucións teñen a obriga de facilitar o seu coñecemento.
Neste sentido, a distribución de produtos audiovisuais e cinematográficos en galego nos centros de ensino, nas bibliotecas da rede pública e nas asociacións e centros culturais constitúe unha das medidas do Plan de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento autonómico en setembro de 2004.
Precisamente no marco da celebración do Día das Letras, ademais da distribución nos centros de ensino, a Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto co Consorcio Audiovisual de Galicia fixo chegar estes e outros materiais audiovisual, a todos os centros de estudos galegos no exterior.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.