
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que os resultados da situación e liquidación orzamentaria correspondentes ao exercicio 2005 permiten constatar que o Goberno galego realizou un esforzo de transparencia, rigor e saneamento nas súas contas. Deste xeito, e segundo expuxo o mandatario autonómico en rolda de prensa, logo da reunión do Consello da Xunta, o saldo da execución orzamentaria correspondente a 2005 deixou un superávit de 35 millóns de euros e un endebedamento de 3.400 millóns. Ademais, púidose constatar a existencia dunha práctica de desprazamento de gasto en exercicios anteriores, gastos non computados que se ían trasladando dun exercicio orzamentario ao seguinte.
Tiñamos unha situación herdada, precedente, na que existía unha práctica de non contabilización da totalidade dos gastos, remarcou o máximo mandatario autonómico, unha práctica pola cal se ía creando unha especie de bola de neve que se transmitía dun orzamento ao seguinte en forma de gastos non contabilizados que se desprazan aos orzamentos seguintes.
Con esta práctica, que o presidente da Xunta cualificou de bola de neve crecente, no ano 2004 os gastos non contabilizados chegaron a acadar os 403 millóns de euros. Pérez Touriño explicou que os gastos non contabilizados se duplicaron desde o ano 2003 ao 2004, posto que a cifra era de 207 millóns de euros en 2003 e de 403 en 2004. Estamos diante dun incremento dun 95% -remarcou Pérez Touriño-, 196 millóns de euros sobre o ano anterior.
Estes gastos ocultos, segundo relatou o titular do Goberno autonómico, correspondíanse con gastos sanitarios, cos pagos de expropiacións que se ían almacenando e diferindo a orzamentos futuros e gastos importantes que tiñan que ver co transporte escolar, o que significaba retraso nos pagos, gravar a provedores e cidadáns e, finalmente, maquillar a liquidación orzamentaria correspondente.
Isto permitiu presentar o que tería que ser un déficit no 2004 de 125 millóns de euros, como un superávit próximo aos 70 millóns de euros, concluíu Pérez Touriño.
Cambio de situación
Fronte a esta situación e á práctica de non contabilización da totalidade dos gastos, o presidente da Xunta presentou o esforzo de transparencia e rigor realizado polo actual Executivo autonómico, de tal xeito que na execución orzamentaria correspondente ao ano 2005 quedasen recoñecidos e rexistrados contablemente os gastos desprazados dun ano para outro.
Fíxose un esforzo importante de absorción dos gastos non contabilizados, sinalou o máximo mandatario autonómico. En concreto engadiu-, sobre o orzamento de 2005, cargamos e absorbemos un total de 278 millóns de euros, reducindo practicamente o gasto desprazado non contabilizado de anos anteriores nun 70% respecto ao ano 2004. Hai, polo tanto, un esforzo moi importante de transparencia, de rigor e de saneamento en relación coa execución do orzamento, sentenciou Pérez Touriño.
Mellora na posición de endebedamento
De igual xeito, o xefe do Executivo galego referiuse á mellora notoria rexistrada en relación co endebedamento da Comunidade Autónoma. Deste xeito, explicou que en 2005 se reduciu o peso da débeda da Comunidade sobre o PIB, pasando dun 77% a un 74%, así como o custo medio desa débeda, dun 42% a un 402%. Con estes datos, o endebedamento rexistrado en 2005 é de 3.400 millóns de euros.
O informe tamén permite constatar que se rexistrou unha mellora da perspectiva do ráting de Standard & Poors, pasando da caracterización de estable á caracterización de positiva, froito, segundo Pérez Touriño, dunha xestión financeira máis rigorosa e eficiente.
Superávit de 35 millóns de euros
Hai unha mellora do aforro, cun incremento do 14% no aforro sobre o orzamento inicial e unha mellora no crecemento dos ingresos, o que permite mellorar o saldo, salientou o presidente da Xunta, explicando que isto permitiu pasar dun saldo anteriormente deficitario ao superávit no exercicio 2005 de 35 millóns de euros.
Por último, Pérez Touriño remarcou que, a pesar de ser un ano electoral e haber un cambio de Goberno, se logrou manter un alto grao de execución orzamentaria. Así, en 2005 executouse un 94% do orzamento de gasto definitivo e o grao de execución de investimentos reais situouse nun 84%, mellorando tres puntos sobre o ano anterior.
Factores
En síntese concluíu o mandatario galego-, a liquidación do ano 2005 ofrece unha aposta polo saneamento, a transparencia e o rigor, que inmediatamente se ve reflectida no ráting da Comunidade, permite mellorar a posición de endebedamento e constatar unha boa marcha orzamentaria porque medran os ingresos de forma significativa.
Emilio Pérez Touriño sinalou a este respecto que o crecemento dos ingresos se debeu, en boa medida, ao acordo acadado na Conferencia de Presidentes, en relación á financiamento sanitario (121 millóns de euros en 2005), pero tamén ao bo comportamento dos tributos cedidos, que reflicten, ao seu xuízo, unha boa marcha, un bo comportamento das bases tributarias.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.