Notas de prensa

Innovación e Industria presenta Mancomun.org, a iniciativa galega polo software libre

* O conselleiro de Innovación e Industria presentou a nova web, que ofrecerá ferramentas informáticas en lingua galega que se achegarán de balde aos cidadáns e dispón dun observatorio de software libre * Mancomun.org constitúese en espazo aberto e punto de encontro das diferentes iniciativas galegas no eido do software libre * A Iniciativa Galega polo Software Libre, promovida pola Consellaría de Innovación e Industria, contribuirá a achegar a sociedade da información á sociedade galega e potenciar o uso de aplicacións informáticas na nosa lingua

O software libre conta por primeira vez en Galiza cun portal de referencia na Administración no que conflúen as diferentes iniciativas galegas existentes neste eido ata o de agora. Así o explicou o conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, na presentación de mancomun.org, a Iniciativa Galega polo Software Libre promovida pola Consellaría e que será punto de encontro de empresas, administracións e comunidade de usuarios que teñan proxectos de software libre, ben sexan de desenvolvemento, de difusión, de formación ou só de implantación. A iniciativa baséase nun modelo de traballo en colaboración, compartido, aberto, estandarizado, público, transparente e de calidade.

Mancomun.org nace do compromiso da Consellaría de Innovación e Industria de dinamizar de xeito efectivo as tecnoloxías libres en Galiza. Fernando Blanco explicou que o departamento que dirixe é consciente das importantes vantaxes sociais e económicas que o emprego do software libre nos diferentes ámbitos pode achegar á sociedade galega, xa que constitúe unha ferramenta axeitada para avanzar na diminución da fenda dixital e, ademais, un poderoso instrumento a favor da lingua galega. Pódense beneficiar deste software tanto os cidadáns e cidadás coma Administración e empresas.

Observatorio do software libre

O portal mancomun.org, segundo a explicación do proxecto que realizou a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, incorpora un observatorio específico sobre software libre e un estudo da súa situación en Galiza, proxectos ambos postos en marcha coa colaboración do CESGA e das universidades galegas. Este observatorio, que examinará a evolución técnica e económica do software libre, conta cun espazo de vixilancia tecnolóxica permanente e outro para a análise das políticas e iniciativas vencelladas ás ferramentas informáticas de libre acceso.

Pola súa banda, o estudo sobre o nivel de implantación de software libre en Galiza irase actualizando, o que permitirá coñecer a situación de partida e a evolución, avaliar a efectividade das medidas adoptadas e axudar con información rigorosa ás empresas que realicen planos de negocio.

Programas de libre acceso

O portal promovido pola Consellaría de Innovación e Industria conta cunha sección, A Forxa, dende a cal todos os cidadáns poderán acceder, a partir do 17 de maio e de maneira gratuíta, a programas informáticos de libre acceso, aplicacións en todos os casos realizadas ou traducidas ao galego. A Consellaría quere, desta maneira, facer efectivas as vantaxes que as tecnoloxías libres ofrecen no eido da normalización da nosa lingua e é esta a idea que dende o departamento dirixido por Fernando Blanco se destaca de cara ao 17 de maio, día no que coincide a celebración do Día das Letras, do Día de Internet e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

Mancomun.org ofrecerá soporte técnico aos proxectos e continuidade das novas versións das distintas aplicacións informáticas que se acheguen. O emprego de programas de libre acceso supón unha grande oportunidade para a sociedade en xeral, pero facilitará especialmente o desenvolvemento das empresas do sector, ben sexan de consultoría, de desenvolvemento ou de soporte técnico.

O novo portal ofrecerá tamén axendas de eventos, directorios de contactos e recursos e outras utilidades para favorecer a difusión e o coñecemento do software libre en Galiza.

Software libre en Galiza

A Iniciativa Galega polo Software Libre contribuirá a definir a folla de ruta das iniciativas do Goberno galego para a promoción e creación deste software no noso país. Así, formará parte do Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, que está en proceso de tramitación e se concluirá a finais de 2006. Esta iniciativa, como medida de carácter horizontal, contará necesariamente coa implicación das empresas do sector TIC, das universidades, grupos de usuarios de software libre, administracións e movemento asociativo. Realizará un traballo de dinamización, difusión e colaboración, formación e achega de soporte técnico, necesario para estender o uso do software libre e, en xeral, para achegar a sociedade da información e do coñecemento á sociedade galega.

Segundo a análise da situación actual do software libre dispoñible en mancomun.org, a porcentaxe do uso deste sofware en Galiza é baixo, aínda que existe moita expectación ao respecto. Tan só se supera a barreira do 50% de uso no conxunto das empresas TIC, aínda que o nivel de satisfacción polo emprego do software libre é alto tanto nos ámbitos empresariais coma da administración. Por outra banda, o descoñecemento sobre os aspectos máis básicos do software libre é enorme en calquera dos ámbitos consultados e o uso do galego nas aplicacións informáticas é minoritario. Asemade, non existe formación en software libre nos módulos profesionais, polo que o coñecemento destas ferramentas na empresa é precario.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES