Notas de prensa

O secretario xeral de Relacións Exteriores entrega os premios do concurso de pintura infantil ¿Que é para ti Europa?

* A gañadora, Noelia Veiga Domínguez, de seis anos, viaxará a Eurodisney con dous acompañantes e recibirá un ordenador persoal * Raquel Martínez Vázquez, do Colexio Ángel da Guarda de Nigrán e Antía López Canosa do Colexio Centieiras de Fene son as dúas finalistas * Participaron 20 colexios de toda Galicia con 331 debuxos

O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Santiago Gómez-Reino, entregou esta tarde os premios do V concurso de pintura ¿Qué é para ti Europa? dirixido a escolares de todos os centros de Educación Primaria de Galicia.

Este concurso, organizado pola Fundación Galicia-Europa, ten como finalidade achegar a idea Europea aos rapaces galegos. Trátase de que os nenos galegos participen neste evento coa elaboración dun debuxo ou pintura orixinal sobre o que eles entenden por Europa e se vaian familiarizando coa realidade comunitaria.

O primeiro premio desta edición recaeu en Noelia Veiga Domínguez, alumna do CEIP Belesar de Baiona, de seis anos de idade, que gaña un ordenador persoal e unha viaxe a Eurodisney xunto a dous acompañantes. Así mesmo, o seu colexio recibirá un talón de 2.000 euros para a adquisición de material escolar.

Raquel Martínez Vázquez, de once anos, alumna do Colexio Ánxel da Guarda de Nigrán, e Antía López Canosa, de once anos, do Colexio Centieiras-Perlío de Fene resultaron finalistas e recibiron os dous accésits, que consisten nun ordenador persoal para cada unha delas.

331 debuxos de 20 colexios

Esta é a quinta edición deste concurso organizado pola Fundación Galicia-Europa para achegar a idea de Unión Europea ao público infantil galego. Esta entidade, creada en 1988, ten como finalidade contribuír á formación europea de mozos e profesionais galegos, difundir información de interese para a sociedade galega sobre a UE e as súas actividades, así como promover a cultura e a economía de Galicia no continente europeo. Este ano participaron un total de 20 colexios galegos cun total de 331 debuxos.

Xurado

O Xurado deste premio está integrado pola coordinadora de exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea, Christina Ferreira Andrade, o pintor e presidente da Asociación Galega de Artistas Visuais, Manuel Quintana Martelo; o pintor e profesor da Escola de Artes Mestre Mateo, Rafael Romero Maciá, e o subdirector xeral de Relacións coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Manuel Morán García.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES