
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, anunciou que o departamento que dirixe, a través do Instituto Galego de Consumo (IGC), prestará asesoramento legal aos afectados polo presunto fraude que se está a investigar nas sociedades Forum Filatélico e Afinsa. A preguntas dos xornalistas no Parlamento galego, Blanco avanzou que responsables da consellaría reuniranse co Instituto Nacional de Consumo para analizar o caso e arbitrar as medidas que sexan necesarias para intentar axudar á resolución desta situación.
O conselleiro explicou que nesta reunión recabarase toda a información sobre a situación real xa que, polo momento, segue declarado o segredo de sumario sobre a investigación que se está a desenvolver, e explicou que o venres, xa coa información obtida na reunión co Instituto Nacional de Consumo, o IGC porá a disposición de todos os afectados un teléfono de información onde se lles intentará dar resposta a todas as cuestións que plantexen. O número de información que estará operativo a partires do 12 de maio é o: 900 23 11 23.
A partires de aí engadiu prestaremos, ás diversas asociacións que seguramente se van configurar, asesoramento legal dende o Instituto Galego de Consumo. Blanco dixo tamén que o seu departamento xa está a traballar na análise do número de inversores afectados en Galiza e en que importes, aínda que comentou que polo momento non hai datos oficiais sobre esta cuestión.
O conselleiro nacionalista explicou que ámbalas dúas empresas teñen a súa sede social en Madrid polo que a autoridade competente para os efectos de remisión das auditorías correspondentes (por parte destas empresas) serían as autoridades de consumo de Madrid.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.