
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recibiu na residencia oficial de Monte Pío ao Consello de Administración da empresa Fadesa. A delegación, encabezada polo presidente da inmobiliaria galega, Manuel Jove Capellán, mantivo un encontro co máximo mandatario galego, con anterioridade á xuntanza xeral de accionistas da compañía.
Esta foi a primeira vez que Emilio Pérez Touriño, como titular da Xunta, tivo ocasión de reunirse coa xunta directiva desta empresa, que ten iniciado nos últimos tempos un proceso de expansión internacional.
Ademais de Manuel Jove acudiron á xuntanza co presidente da Xunta os dous vicepresidentes da compañía, Felipa Jove e Manuel Ángel Jove; o conselleiro delegado, Antonio de la Morena; e os conselleiros da empresa Modesto Rodríguez, José María Castellano, José Enrique Fernández, Manuel Guerrero, José Luís Macía, José Luis Suárez e Joaquín Sánchez. O secretario do Consello de Fadesa, Javier Acebo, o director da Zona Noroeste da compañía, José Suárez, e a directora de comunicación e marketing, Belén Rey, tamén formaron parte da delegación que se reuniu co presidente da Xunta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.