Trinta membros da Mesa pola Normalización Lingüística concentráronse diante do estabelecemento de McDonalds no Polígono da Gándara en Ferrol con pancartas cos lemas Galego en McDonalds? Im discrimining it, Precisamos un Estatuto que non tolere discriminacións e McDonalds discrimina o galego. No acto tamén estivo o cidadán afectado, Angel Penabad, xunto co seu fillo e as súas fillas.
Angel Penabad, subliña que eu falo galego de xeito normal, é o que me aprenderon meus pais e estou orgulloso da miña lingua, polo que me gustaría non ter problemas por falala. Penabad foi cos seus fillos a merendar a este estabelecemento de McDonalds hai poucas semanas, mais viuse obrigado a repetir varias veces o pedido porque a persoa que o atendía facía sinais de non entendelo. Por esa razón, Penabad solicitou que o puidese atender outra persoa que si o comprendese, mais, para a súa sorpresa, estoutra dependenta dille que esta chica no entiende gallego ni tiene por qué entenderlo.
A situación aínda continuou, como relata o propio afectado: Ao suceder isto, eu pedín a folla de reclamacións para deixar constancia do dito, mentres os nenos merendaban. Cando os nenos rematan, queren un xelado, mais cando o van pedir, fanlles repetir tres veces a palabra xelado, dicíndolles que non os entenden. Érgome para entregar a folla cuberta e pido outra para relatar o que lle pasou aos nenos, e é entón cando sae por detrás do estabelecemento outra persoa que se nega a identificarse con nome e cargo na empresa, e dime dun xeito pouco amábel que en este sitio no tenemos por qué entender gallego, y si no está contento no vuelva por aquí. Sentinme estranxeiro na miña terra, case que insultado. O único que fixemos eu e os meus fillos foi falar en galego!. Angel Penabad non recibiu aínda ningunha desculpa nin ningunha outra resposta por parte de McDonalds.
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, tamén presente no acto, agradeceu a Angel Penabad o seu exemplo, por non dar por natural a discriminación da nosa lingua. Callón indicou que no novo Estatuto se deben dar garantías de primeiro nivel para que este tipo de situacións non poidan ser toleradas e que nas empresas haxa o dereito de opción lingüística por parte da cidadanía. Concretamente, A Mesa vai pedir na manifestación que celebrará en Santiago no Día das Letras que no Estatuto se garanta o dereito de todas as persoas a ser atendidas oralmente e por escrito en galego, na súa condición de usuarias e consumidoras de bens, produtos e servizos.
Callón recordou tamén que esta discriminación sería impensábel en Cataluña, onde McDonalds tamén ten en catalán toda a súa publicidade, información de menús, etc. A Mesa dirixirase á Dirección Xeral de Comercio e Consumo e á Secretaría Xeral de Política Lingüística para que tomen cartas neste asunto.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.