
Nel, este home con alopecia, tan capilar como lingüística, entrelaza as súas explosivas cancións cuns risibles monólogos que non teñen desperdicio. Desenvolve situacións coas que, por cotiás e intimistas, non custa esforzo ningún identificarse. Elas son o telón de fondo onde Riki fai o seu traballo. Nin un só dos seus cacahuetes vén sen chicha.
Coa cómplice e sorrinte receptividade do público como encubridora, sen máis compaña que a súa guitarra e a extensa gama de xestos que adopta o seu rostro, sempre ácido, bota man da ironía e o sarcasmo para envolver cada mensaxe.
Así, a audición deste show non é, nin moito menos, o mesmo sen a súa visualización. Os recursos escénicos dos que fai gala Riki López convirten a súa música, intencionadamente, nun mero fío condutor.
Grazas á súa peculiar maneira de interpretar os textos das súas cancións, Riki aparece en varios programas televisivos de emisión nacional, tales como Calamar (Antena 3) ou El Club de la Comedia (Canal Plus e Tele 5). Tamén ten colaborado como invitado habitual de Guillermo Fesser e Juan Luis Cano (Gomaespuma) no seu programa radiofónico de M-80.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.