Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño sinala a consecución dunha maior eficiencia enerxética e a aposta polas enerxías renovables como os eixos da política enerxética da Xunta

* Anuncia que o Goberno galego publicará en breve unha Orde para tramitar novas instalacións de enerxía eólica na Comunidade e que non vai renunciar a colmar as expectativas de acadar os 6.500 megavatios no 2012 * Sinala como campos de actuación prioritarios, dentro das enerxías renovables, o traballo no ámbito solar, a biomasa e os biocombustibles * O titular do Goberno autonómico participou en Santiago nunha Xornada sobre Industria e Enerxía, promovida pola Confederación de Empresarios de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, referiuse á política enerxética que desenvolve o seu Goberno, no decurso da súa intervención nunha Xornada sobre Industria e Enerxía, promovida pola Confederación de Empresarios de Galicia. En opinión de Touriño, “a situación actual do mercado enerxético require unha actuación firme e convencida da Xunta de Galicia nese ámbito, definindo unha política enerxética eficaz”. Como eixes da política enerxética da Xunta, o presidente galego citou a consecución dunha maior eficiencia neste campo e a diversificación das fontes de enerxía primaria, apostando polas enerxías renovables.

Emilio Pérez Touriño defendeu a existencia dun mercado enerxético aberto porque favorece a economía, a través dos prezos, asegura os servizos e o consumo e contribúe á mellora do medio ambiente. “Esta é, sen dúbida, a aposta na que estamos e á que non debemos renunciar”, asegurou.

Eficiencia enerxética

En aras a lograr o aforro e a eficiencia enerxética o Goberno galego formalizou, a través do INEGA, varios convenios de colaboración co Ministerio de Industria. Segundo salientou Touriño, a eficiencia enerxética non é senón o uso intelixente da enerxía. Acadar esta eficiencia, tal e como indicou o presidente galego, contribúe a avanzar nos tres piares básicos que debe guiar a política enerxética galega: garantir a subministración de enerxía; mellorar a competitividade da economía mediante a utilización eficiente dos recursos enerxéticos; e fomentar a protección medioambiental.

Para lograr a eficiencia enerxética Galicia debe, segundo o presidente da Xunta, conseguir un mellor balance enerxético en diversos eidos tales como a edificación ou o sector dos transportes e crear un mecanismo de difusión das estratexias exitosas de aforro enerxético.

Xunta e Ministerio de Industria están a traballar conxuntamente no impulso de iniciativas de aforro enerxético en diversos ámbitos. Neste sentido, o presidente do Goberno galego lembrou que existen convenios entre a Administración galega e a do Estado por valor de 16 millóns de euros para acadar este obxectivo.

Enerxías renovables

O presidente da Xunta sinalou o potenciamento das enerxías renovables como o mellor modo de competir coas enerxías fósiles. Ao contrario destas, as renovables teñen o valor engadido de ser “máis respectuosas co medio ambiente”. Tal e como indicou Touriño, o Goberno galego aposta firmemente por estas enerxías menos contaminantes, que reducen a dependencia das importacións do cru e que ofrecen novas oportunidade para diversificar as fontes de renda e emprego.

A aposta polas enerxías renovables contribuirá, así mesmo, a que Galicia se axuste aos canons marcados no Protocolo de Kioto, xa que na actualidade as emisións da Comunidade Autónoma superan nun 28 por cento o establecido neste protocolo.

Colmar as expectativas eólicas e manter a posición de vangarda
Dentro das enerxías renovables e debido á situación de Galicia, a enerxía eólica cobra unha especial relevancia. “Galicia é unha das rexións con mellor aproveitamento de recursos eólicos e queremos consolidar esta posición”, indicou Touriño, quen anunciou que en breve será publica unha Orde no Diario Oficial de Galicia para tramitar novas instalacións de enerxía eólica na Comunidade Autónoma.

“Con esta actuación a potencia eólica ascenderá en Galicia a uns 4.600 megavatios, o que supón acabar de executar os plans aínda vixentes, salientou o mandatario galego, quen indicou que “a continuación será o momento de emprender o deseño dun novo modelo de desenvolvemento para a enerxía eólica en Galicia e non temos que renunciar a colmar as nosas expectativas de acadar os 6.500 megavatios no 2012”, engadiu.

Neste sentido, Emilio Pérez Touriño avogou por seguir mantendo a posición de vangarda, lembrando que “Galicia foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica no noso país”.

Finalmente, o titular da Xunta avogou porque Galicia traballe tamén noutros ámbitos de enerxías renovables como a solar, a biomasa –xa que Galicia é a primeira rexión española en canto a potencial de residuos forestais que poden ser usados para este fin-, e os biocombustibles.

Para rematar, Touriño anunciou que o Ministerio de Industria e a Xunta teñen establecido programas de axudas públicas ao investimento en novos proxectos de aproveitamento enerxético, encamiñadas a potenciar e incorporar as fontes de enerxía menos contaminantes, fomentando o aproveitamento dos recursos en enerxías renovables.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (nenos-clase-estudo.jpg) O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha. Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO (se ben parte deles sono en ambas etapas á vez), 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades. Así, outros centros optan por contar con seccións bilingües.
Foto de la tercera plana (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES