
Reorientar a estratexia de planificación, xestión e aproveitamento dos fondos comunitarios é un dos principais obxectivos da política económica da Xunta de Galicia que tomará forma no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia que está a elaborar a Consellería de Economía e Facenda. Así o explicou o conselleiro, José Ramón Fernández Antonio, en Bruxelas, onde mantivo reunións con representantes das institucións europeas cos que tratou as prioridades e directrices da política de desenvolvemento rexional no próximo período orzamentario 2007-2013, e a súa vinculación coas prioridades do Goberno galego. O conselleiro acudiu acompañado do director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, Aureliano García González-Llanos.
Nunha primeira entrevista con Director Xeral de Investigación, José Manuel Silva Rodríguez, Fernández Antonio expuxo as directrices nas que traballa a Consellería de cara á programación dos fondos e á posibilidade de articular liñas de traballo relacionadas coa investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, no que a Xunta de Galicia concentrará os seus esforzos no próximo período. Entre as liñas de traballo analizadas conxuntamente, o impulso e difusión das novas tecnoloxías entre as pequenas e medianas empresas, e a articulación de estratexias de cooperación entre empresas, axentes de investigación e Administración nestas áreas de coñecemento, son algunhas das posibilidades de actuación nas que a Xunta de Galicia incidirá nos próximos meses.
Segundo se tratou no encontro, unha das prioridades de Galicia cara ao próximo período de fondos será o de concentrar as liñas de axuda nos sectores produtivos estratéxicos e na creación de plataformas tecnolóxicas para o impulso da innovación. O obxectivo, nese sentido, é centrarse nesa estratexia para acadar un impulso do crecemento, a produtividade e a competitividade das nosas empresas e, en definitiva, avanzar na converxencia coas rexións desenvolvidas da Unión Europea.
Precisamente neste ámbito destacouse a necesidade de implicar o empresariado nesta nova estratexia para a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico e, polo tanto, na importancia da preparación dos proxectos para acceder ás convocatorias dos novos fondos tecnolóxicos. A Dirección Xeral de Investigación da Comisión Europea está a elaborar nestes momentos o que será o Programa Marco de Investigación e Desenvolvemento para o período 2007-2013, que disporá dun volume de fondos de 48.000 millóns de euros e constitúe un dos principais programas comunitarios. Neste sentido, dende a Consellería se impulsarán as medidas orientadas a impulsar o acceso e participación das empresas galegas nos fondos que se repartirán no marco de dito programa.
No transcurso desta reunión, José Manuel Silva Rodríguez comprometeu a súa participación nun Foro Tecnolóxico que se celebrará en Galicia no mes de xuño e que servirá para debater e analizar o papel da tecnoloxía e a innovación como instrumento e factor de crecemento e desenvolvemento rexional no próximo período de programación comunitaria.
Aprobación dos regulamentos dos fondos
Na reunión mantida na Dirección Xeral de Política Rexional, a delegación galega tivo a oportunidade de compartir cos membros da mesma a coincidencia no diagnóstico sobre a situación de Galicia e a necesidade de concentrar os esforzos na innovación. Segundo explicaron os responsables comunitarios, o Comité de Representantes Permanentes (Coreper) aprobou na súa reunión de hoxe os regulamentos dos fondos comunitarios, o cal supón para Galicia un avance dentro do seu propio calendario da elaboración do Marco Estratéxico que se prevé ter rematado no mes de xuño. A partires do coñecemento destes regulamentos, o labor desenvolvido dende a Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Xunta de Galicia permitirá acelerar os traballos previos cara á posterior programación dos fondos. Nese sentido, tamén os membros da dirección xeral de Política Rexional da Comisión Europea coincidiron en salientar a importancia da participación empresarial e das fórmulas de cooperación e partenariado.
Encontro con eurodeputados
A xornada do conselleiro de Economía en Bruxelas tamén incluíu encontros coa presidenta da Comisión de Economía no Parlamento Europeo, Pervenche Berès; e cos eurodeputados galegos Antolín Sánchez Presedo e Rosa Miguélez, cos que tratou a situación actual e perspectivas da programación de fondos comunitarios. Ademais, o conselleiro mantivo un encontro cos eurodeputados da Región Norte de Portugal, Manuel Antonio dos Santos vicepresidente do PE e membro do grupo socialista- e a tamén socialista Elisa Ferreira membro da Comisión de Asuntos Económicos do PE-. A delegación galega analizou con ambos deputados posibilidades de cooperación cara ao novo período na articulación de proxectos conxuntos nestas áreas prioritarias no ámbito tecnolóxico. Segundo ambas partes, Galicia e Portugal teñen que cooperar no ámbito do arco atlántico co obxectivo de incrementar a produtividade e competitividade das rexións.
A xornada da delegación galega en Bruxelas concluíu co encontro do conselleiro de Economía co Comisario de Asuntos Economicos, Joaquín Almunia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.