Éntrase así, como tantas outras veces, na espiral da militarización e do endurecemento das políticas represivas, que se presenta ademais como a única opción posible: en vez de buscar as causas que provocan a conflitividade, para procurar así unha solución radical do problema, póñense parches en forma dun aumento da presenza das forzas de seguridade (exército, policía) e dunha intensificación do control social.
Dende o ecopacifismo, ADEGA considera en primeiro lugar que a solución do problema afgán, como a de calquera outro conflito, non pasa pola militarización da zona: este tipo de medidas sempre son ecoloxicamente insostibles, socialmente inxustas e contrarias á cultura de paz, por máis que se presenten, coma neste caso, coa aparencia dunha operación solidaria, amparada por Nacións Unidas e co visto e prace xeneralizado da comunidade internacional.
En segundo lugar, se as tropas e os civís españois que se atopan en Afganistán corren algún risco na situación actual, ó aumentar o continxente o Goberno estará poñendo en perigo un número aínda maior de persoas (probablemente, polo que nos toca, algunhas delas galegas). Isto constitúe unha irresponsabilidade pola súa banda, xa que o risco resulta facilmente evitable: non hai mellor garantía para a seguridade dos desprazados que a súa volta á Península.
Por todo isto, ADEGA únese ás voces que non só lle piden ó Goberno estatal que se absteña de enviar reforzos a Afganistán, senón que reclaman a retirada total do exército español. Non pode deixar de chamar a atención a incoherente actitude do Executivo de Zapatero, que fixo voltar á casa ás tropas dende o Iraq pero non actúa igual nun caso tan parecido coma o afgán. Non se pode evitar a sospeita de que o ideal pacifista se utiliza dun xeito interesado: só se fai prevalecer cando resulta politicamente rendible (é dicir, cando a opinión pública está tan mobilizada neste sentido que non queda máis remedio que facerlle caso, como aconteceu coa invasión do Iraq), pero non cando existen outros intereses comparativamente máis fortes (p. ex., ter contentas a certas potencias internacionais). Ou sexa, parece que a desmilitarización non é un fin, senón un medio para obter réditos políticos, do que se pode dispoñer segundo conveña.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.