
A I Milla Popular Praia de Samil, organizada polo Club de Atletismo Veteran@s de Samil e patrocinada pola Dirección Xeral para o Deporte, celébrase o día 11 de xuño polo areal da praia de Samil aproveitando a baixamar.
Tivo lugar o acto de presentación desta nova proba, no que participaron a presidenta do club organizador, Montse Martínez; o representante da Delegación da Federación Galega de Atletismo, Alejandro Costas; a concelleira de Deportes de Vigo, Lucía Molares, e o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira.
A presidenta do Club de Veteran@s explicou a singularidade desta proba: Permítenos conxugar a beleza do atletismo coa beleza do marco incomparable no que se disputará esta proba. Comeza ás 10 da mañá, aproveitando a baixamar, e constará de 6 millas, 4 delas populares e dúas probas raíñas (masculina e feminina).
Pola súa banda, o director xeral para o Deporte destacou que detrás desta iniciativa hai moita ilusión e un gran traballo para traer a Vigo e Galiza cousas novas, distintas, das que nos sintamos orgullosos. O máximo responsábel do Deporte Galego destacou que o día 11 de xuño imos vivir unha gran festa do atletismo, ademais de reivindicar as nosas riquezas naturais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.