Notas de prensa

Fernando Blanco aposta por desenvolver políticas que garantan o futuro do Camiño de Santiago no século XXI

* O titular de Innovación e Industria defende a adecuación das distintas ofertas de hospedaxe, o relanzamento do “Consejo Jacobeo” e a promoción internacional en novos ámbitos potenciais * O conselleiro avoga pola creación dunha rede de puntos de información en todas rutas e dun Centro Internacional do Camiño e plans específicos para o comercio e a hostalería

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, avogou por desenvolver novas liñas de actuación que permitan relanzar o Camiño de Santiago cara ao que definiu como “o camiño do século XXI”. Blanco fixo estas declaracións durante o acto inaugural do congreso sobre O Camiño Primitivo que se celebra ata o sábado 29 de abril en Lugo.


Para o conselleiro nacionalista a Ruta Xacobea precisa agora dun tempo de clarificación e definición que garanta a súa supervivencia e proxección futuras e, ao seu xuízo, cómpre planificar a cuestión xacobea a quince anos vista, a través dun tempo que, segundo dixo, “nos leve con garantías de futuro a todos os niveis, culturais, turísticos, económicos, ou de proxección internacional”. Neste sentido, defendeu a necesidade de concretar obxectivos de referencia, entre os que citou a revisión e remate do proceso de delimitación oficial das distintas rutas do Camiño, a coordinación e adecuación das distintas ofertas de hospedaxe e atención ao peregrino e o relanzamento das políticas de colaboración coas demais comunidades autónomas do Camiño.



De igual xeito, Blanco tamén citou o relanzamento do denominado “Consejo Jacobeo” (integrado por administración estatal e comunidades autónomas), coa creación dunha xerencia que se nomeará en breve, o establecemento de relacións coas rexións do Camiño de Santiago doutras zonas europeas, a promoción internacional da Ruta Xacobea noutros ámbitos potenciais de interese como as universidades, ou a negociación co Goberno estatal de incentivos fiscais para iniciativas de alto interese social a favor do Camiño.



O titular de Innovación e Industria tamén apostou polo establecemento dunha rede de puntos de información xacobea específica en todos os Camiños, polo fomento dun itinerario turístico-cultural complementario que relacione os Bens Patrimonio da Humanidade existentes ao longo dos Camiños co seu propio significado cultural internacional, e pola colaboración continuada coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e da cultura xacobea no Estado e no resto do mundo. Así mesmo, defendeu a creación en Santiago dun Centro Internacional do Camiño –que incluiría un gran centro de interpretación da Ruta e un arquivo documental da cultura xacobea– e a creación de centros de intepretación en puntos referenciais de cada unha das oito rutas xacobeas galegas.

No marco do ámbito social, Fernando Blanco avogou pola realización dun plan conxunto cos sectores hostaleiro e comercial, o primeiro para garantir uns servizos cada vez máis axeitados ás necesidades e expectativas dos turistas e peregrinos e o segundo para a promoción de determinados produtos singulares e de calidade elaborados a través dos territorios dos distintos camiños. Así mesmo, propuxo outro plan destinado á poboación do Camiño, para facilitar un maior coñecemento e implicación no feito xacobeo dos cidadáns das poboacións existentes ao pe das distintas rutas galegas.



Por último, no marco europeo, o conselleiro de Innovación e Industria defendeu o establecemento de políticas concretas e continuadas de colaboración con Francia e Portugal (coa potenciación do Camiño Portugués como primeiro obxectivo) e a revitalización do vello interese que amosaron polo Camiño nos anos oitenta tanto o Consello de Europa como a propia Unión Europea.



O congreso “O Camiño Primitivo. O camiño de Santiago para o século XXI” comezou en Lugo, organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración coa Consejería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do Goberno de Asturias e mais coa Universidade de Santiago de Compostela. Este encontro pretende ser o primeiro dun ciclo de estudo e análise das diferentes rutas que conducen a Santiago.
Nota


O ciclo está destinado a fomentar o debate social sobre os itinerarios xacobeos por parte das administracións, asociacións, peregrinos, expertos culturais e turísticos, ou empresarios do Camiño, entre outros. Haberá conferencias e mesas redondas ata o sábado 29 de abril e unha visita guiada por un tramo da ruta completará a visión do Camiño Primitivo dos asistentes o vindeiro día 4 de maio.



Neste primeiro congreso do ciclo, no que participan 26 relatores, hai máis dun cento de inscritos procedentes das distintas cidades e vilas da nosa comunidade e máis do Principado de Asturias. A asistencia ao encontro, que se celebra no salón de actos do Edificio Multiusos da Xunta de Galicia en Lugo, está recoñecida cun crédito de libre configuración na Universidade de Santiago de Compostela.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES