Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño salienta a contribución de Ernest Lluch á creación do actual sistema sanitario solidario, accesible, universal e público

* Lembra que foi Lluch quen pilotou os inicios da reforma sanitaria coa elaboración da Lei Xeral de Sanidade, que converteu a saúde “nun dereito” * Remarca que esta norma supuxo “a universalización da asistencia sanitaria”, introduciu a “xestión moderna nos hospitais” e puxo en marcha un “novo modelo de atención primaria” * Asegura que a Lei Xeral de Sanidade converteu o Sistema Nacional de Saúde “na xoia da coroa do Estado de Benestar” * Gaba o compromiso de Ernest Lluch “cunha España libre e aberta”

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, gabou a figura do académico e político Ernest Lluch, salientando, principalmente, a súa contribución á creación do actual sistema sanitario de saúde. “Si, hai unha idea principal que o define e é que foi un gran reformador; da estirpe dos grandes reformadores”, sinalou Pérez Touriño, subliñando que precisamente foi Ernest Lluch quen, sendo ministro do ramo, “pilotou os inicios da reforma sanitaria coa elaboración da Lei Xeral de Sanidade” que “converteu a saúde nun dereito”.

No acto de homenaxe a Ernest Lluch celebrado en Santiago, durante o cal se inaugurou un busto de Buciños na súa memoria, o máximo mandatario autonómico lembrou que, precisamente este mes, se cumpren vinte anos desde a aprobación da Lei Xeral de Sanidade. Vinte anos, ao seu entender, que representaron a construción dun sistema sanitario “solidario, accesible, universal, público, no que os valores da equidade, de eficacia, de eficiencia e de efectividade marcaron unha senda que fai que hoxe contemos cun dos mellores sistemas de saúde do mundo”, indicou.

Neste sentido, Pérez Touriño quixo deixar constancia da “absoluta vixencia” que segue a ter na actualidade a Lei de Sanidade impulsada por Ernest Lluch, unha norma que, segundo salientou, “desenvolve o concepto constitucional que consagra a protección da saúde como un dos dereitos fundamentais de todos os cidadáns”.

Universalización da asistencia e novo modelo de xestión

“A Lei Xeral de Sanidade supuxo a universalización da asistencia sanitaria”, remarcou o presidente da Xunta lembrando que, anteriormente, cinco millóns de españois non tiñan dereito á asistencia sanitaria e que esta norma propiciou que os orzamentos de sanidade pasaran de pouco máis de 600.000 millóns de pesetas en 1983 a máis de catro billóns e medio en 1996.

Nota“Introduciu a xestión moderna nos hospitais sen abandonar o ámbito do público, sen deixarse engatusar polos cantos de serea de supostos liberalismos aparentemente modernizantes, e puxo en marcha un novo modelo de atención primaria que cambiou cualitativamente a calidade da asistencia aos cidadáns, e que non é senón agora que, por desgraza, aínda estamos a rematar en Galicia”, engadiu o presidente galego referíndose a Lluch e á Lei Xeral de Sanidade.
De igual xeito, Pérez Touriño sinalou tamén que esta lei sanitaria sentou as bases dun “dos mellores sistemas sanitarios do mundo” e recolleu o deseño dos servizos de saúde das Comunidades Autónomas, transformando “un sistema de Seguridade Social nun Sistema Nacional de Saúde financiado por impostos e non por cotas, moito máis xusto, moito máis redistributivo, un factor clave de cohesión social”.
“En fin –sinalou xefe do Executivo galego-, a Lei Xeral de Sanidade converte o Sistema Nacional de Saúde na xoia da coroa do Estado de Benestar, como teño dito moitas veces”. “Unha achega que nestes momentos estamos a punto de completar e ampliar coa próxima entrada en vigor da Lei de Dependencia”, concluíu.

Compromiso coa España “libre e aberta”

Ademais de salientar de xeito especial a contribución de Ernest Lluch á Lei Xeral de Sanidade, o titular do Goberno galego tamén se referiu á súa “dedicación académica e a acción política”. “O seu compromiso cunha España libre e aberta está na súa obra e está tamén na súa vida”, sinalou Pérez Touriño, lembrando que Lluch foi, ademais, “un loitador pola democracia, vítima primeiro da intolerancia franquista e despois da brutalidade e a senrazón do terrorismo”. “Quédanos o consolo de saber que o seu sacrificio non foi en vano”, sinalou o máximo mandatario galego lembrando que hoxe, “nestes momentos de esperanza, de principio do fin da violencia e do trunfo da democracia sobre o terror, a figura de Ernest Lluch agrándase e configúrase como un símbolo tráxico da razón e a palabra fronte a estupidez e a barbarie”.

Por último, o presidente da Xunta considerou que Ernest Lluch ben é merecedor de levar o nome de “bo e xeneroso”, como sostiñan os vellos galeguistas. “Hoxe afirmo aquí, en nome dos galegos, que Ernest Lluch pertence aos bos e xenerosos”, concluíu Emilio Pérez Touriño.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES